- O segundo premio recaeu en José Otero, de Laxes, e o terceiro posto foi para Hugo Vilas, de Cotriños
- Os catro participantes restantes recibiron un diploma como recoñecemento
Valga, 10 de xaneiro de 2023.
A vixésimo primeira edición do Concurso de Beléns xa ten gañador: Francisco Barreiro e as súas netas, que instalaron no xardín da súa casa un nacemento cunhas setenta pezas de barro e cortiza e que incluía, como un dos detalles máis rechamantes, un estanque con peixes vivos. Este Belén completaba a fermosa decoración coa que este veciño do Sixto adornou os exteriores da súa vivenda.
O xurado, integrado polos concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna, e por un representante da asociación Amigos do Belén, Francisco Miguéns, visitou os sete nacementos inscritos no concurso o pasado 3 de xaneiro e valoraron aspecto como a orixinalidade, a presentación, os materiais empregados, o tamaño e número de pezas ou a laboriosidade da montaxe, entre outros.
O segundo premio recaeu en José Otero Buceta, de Laxes, cunha montaxe duns 12 metros cadrados de superficie na que colocou máis de 150 pezas, das que algunhas estaban feitas artesanalmente. Por exemplo, para o pesebre empregou cortiza de árbores.
O terceiro clasificado foi Hugo Vilas Cerneira, de Cotriños, que confeccionou un ncemento dunhas 200 figuras, algunhas con movemento. As vivendas e construcións eran de cortiza, feitas a man.
Os tres gañadores recibiron os premios o día 5, durante a recepción aos Reis Magos. Estes consistiron en 150, 100 e 75 euros, respectivamente, para gastar no comercio local e un roscón. Os demais participantes foron recoñecidos cun diploma.