- Manquiña e Pepo Suevos, condutores da gala musical, animáronse tamén a cantar panxoliñas
- O repertorio incluíu temas clásicos do Nadal, pero tamén cancións doutros estilos
Valga, 5 de xaneiro de 2023.
Os valgueses resístense a despedir as festas de Nadal e onte demostrárono coa súa asistencia á gala musical “Un conto de Nadal”, que ofreceu no Auditorio Municipal a orquestra La OcaBand. Contou para a ocasión con dous invitados de luxo: Manuel Manquiña e Pepo Suevos, que se encargaron de conducir o espectáculo e incluso se atreveron a coller o micrófono para entoar algunhas cancións.
Durante a gala o público puido gozar con numerosas cancións de Nadal de diferentes estilos e ritmos, coma a rumba ou a cumbia de “Mi burrito sabanero”. Non faltaron “El tamborilero”, que popularizou Raphael, a “All I want for Christmas is you”, que Mariah Carey converteu nun clásico destas datas, nin as panxoliñas galegas coma “Os anxeliños do ceo” de Los Tamara.
Ademais, o repertorio incluíu grandes temas de sempre de artistas coma Juan Pardo ou Roberto Carlos, entre outros, cos que o público se puxo en pé para corear e bailar.