Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O certame conta con sete inscritos na súa vixésimo primeira edición

- Os gañadores, que se repartirán 325 euros en premios, daranse a coñecer mañá na recepción aos Reis Magos

XXIBeléns1

Valga, 4 de xaneiro de 2023.

Os concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna, e Francisco Miguéns, membro da asociación Amigos do Belén, exerceron como xurado do XXI Concurso de Beléns e onte visitaron as montaxes participantes. Son sete os nacementos inscritos no certame, que reparte 325 euros en premios.

A primeira parada do xurado foi na Avenida da Coruña, onde a asociación de Mulleres Rurais “Albor” presentou un belén feito artesanalmente por Sonia Carbia. A vintena de figuras que o compoñen están creadas con vidros de cores ensamblados coa técnica Tiffany. “Só pulir o pastor levou tres horas”, destaca a artífice do Belén.

Outro colectivo, a asociación Asdivalu, concorreu ao concurso cun pequeno nacemento feito tamén de xeito artesanal polos usuarios do CODI con barro negro. Entre todos realizaron o deseño, modelaron as pezas unha por unha e, tralo proceso de secado, vernizáronas antes de cocelas no forno.

Os cinco beléns restantes foron presentados por veciños de diferentes zonas de Valga. Un deles, Francisco Barreiro, do Sixto, que xunto coas súas netas montou no xardín da súa casa un nacemento cunhas setenta pezas de barro e cortiza e que inclúe, como detalle, un estanque con peixes vivos.

En Cotriños, o pequeno Hugo Vilas Cerneira colaborou na confección dun nacemento dunhas 200 figuras, algunhas con movemento. As construcións son de cortiza, feitas a man.

Outras dúas participantes son do lugar de Beiro. Saray Vilas López mantén a orixinal disposición coa que concursou na pasada edición, con parte do belén repartido entre o tronco e as pólas dunha árbore. As demais figuras –un cento en total– atópanse colocadas ao pé desta estrutura.

A súa veciña Catalina del Pino López deseñou un nacemento no que, ademais das escenas relacionadas co nacemento de Xesús, incorporou detalles propios coma a súa vivenda coa viña adxacente ou tradicións galegas coma a matanza do porco.

A lista de participantes complétase con José Otero Buceta, de Laxes, cunha montaxe duns 12 metros cadrados de superficie na que colocou máis de 150 pezas, das que algunhas están feitas artesanalmente. Por exemplo, para o pesebre empregou cortiza de árbores.

O xurado valorou aspectos coma a orixinalidade, a presentación, os materiais empregados, o tamaño e número de pezas ou a laboriosidade da montaxe, entre outros.

Os gañadores daranse a coñecer mañá pola tarde, durante a recepción aos Reis Magos nos exteriores do Belén Artesanal. Os tres primeiros clasificados recibirán 150, 100 e 75 euros para gastar no comercio local e haberá tamén diplomas para todos os participantes.

XXIBeléns2 XXIBeléns3

XXIBeléns4 XXIBeléns5

XXIBeléns6 XXIBeléns7

XXIBeléns8

Volver