- Os ríos Valga e Louro desbordaron en diferentes puntos
- Bolsas de auga en viais, árbores caídos e o alagamento do soto do Concello foron algunhas das incidencias
Valga, 2 de xaneiro de 2023.
As intensas chuvias caídas durante os últimos días volveron causar problemas e danos en diferentes infraestruturas públicas de Valga, principalmente estradas, o que motivou múltiples intervencións dos servizos de emerxencias –Protección Civil e Policía Local– para evitar que as consecuencias fosen maiores.
A partir do mediodía do día 31 produciuse unha importante e rápida subida dos caudais dos ríos Valga e Louro que, ademais de asolagar as terras das ribeiras, obrigaron a cortar a circulación de vehículos nas estradas entre Desabanda e San Miguel, de Baño ao Carballiño e entre O Forno e o paso inferior á vía. Tamén estivo cortado o paso inferior da Devesa debido ás importantes acumulacións de auga. O regato do Soutiño que discorre por esta aldea de Campaña tamén desbordou nalgúns puntos pero a limpeza realizada en días anteriores contribuíu a que non causara danos nin nas vivendas nin na capela.
No referido ás estradas, tamén se rexistraron acumulacións de auga na vía provincial EP-8506, que discorre por Baño, á altura da farmacia. As arquetas para recollidas de augas pluviais son escasas e non conseguiron evacuar a cantidade de auga caída. Ademais, as reixas existentes atopábanse atascadas e sen limpar, o que agravou o problema e provocou a formación de perigosas bolsas de auga sobre a calzada. Ademais, o baixo dunha vivenda viuse asolagado, acadando a auga uns 10 centímetros de altura.
Situacións semellantes déronse na estrada PO-548, na PO-220 en Casaldeirigo (as dúas da Xunta), no enlace entre a Rúa Nova e Coto (fronte ás empresas Extrugasa e Exlabesa) e na pista entre Senín e Cerneira.
Á marxe da situación viaria, a Casa do Concello tamén se viu afectada pola situación meteorolóxica adversa. O soto inundouse por completo causando importantes estragos en documentación e material que se almacenaba nesta planta. Protección Civil e operarios municipais están a baleirar a estancia empregando dúas bombas de achique, o que permitirá facer unha mellor avaliación dos danos.
O Camiño Portugués é outra das infraestruturas que máis está a sufrir as consecuencias dos temporais das últimas semanas. O pavimento da ruta entre o límite con Caldas e O Pino atópase moi danado polos arrastres de terra e sedimentos a consecuencia das chuvias torrenciais.
Por último, o vento tamén provocou algunhas incidencias. Principalmente caídas de árbores en puntos coma Vilar, a estrada PO-548 no alto de Cordeiro, ou a Mina Mercedes; pero tamén a rotura de alumeado de Nadal ou a caída de elementos da sinalización viaria.