- Os alcaldes de Valga e do concello do Sar inauguraron esta mañá a mostra
- Ángeles Garrido é a encargada de impartir as clases de pintura
Valga, 2 de xaneiro de 2023.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o seu homólogo de Padrón, Antonio Fernández Angueira, inauguraron esta mañá no Auditorio a mostra pictórica que ocupará durante este mes de xaneiro a sala de exposicións do recinto municipal.
As obras, unha quincena, teñen como autores aos participantes das actividades das Aulas da terceira idade de Padrón (Ategal) ás que asisten unhas 250 persoas. Delas, arredor de 20 son alumnos das clases de pintura que imparte Ángeles Garrido.
Os cadros que poden verse no Auditorio son maioritariamente costumistas e están feitos con técnicas mixtas: pinturas acrílicas (principalmente óleo) e algunha tamén con pasta de relevo para crear volumes. “As temáticas son elixidas polos alumnos segundo o que lle inspire a cada un. É xente que ten moito mérito porque a maioría nunca pintara ata agora”, explica a mestra. Mª Cruz Taboada, a directora de Ategal Padrón, engade que “hai verdadeiros artistas entre eles e, ademais, algúns volveron a renacer grazas á pintura, que lles serviu como terapia”.
Bello Maneiro deu a benvida aos artistas padroneses e afirmou estar “encantado de acollervos no Auditorio”. O rexedor deulles os parabéns “polo gran traballo que facedes e co que facedes gozar á xente”, polo que recalcou que “o noso Concello está aberto a novas colaboracións”.