- En Beiro, a auga provocou unha enorme fenda no asfalto do aparcamento do pavillón
- O Camiño Portugués, estradas e outras infraestruturas víronse afectadas polos sucesivos temporais
Valga, 26 de decembro de 2022.
Operarios do Concello e servizos de emerxencias están a facer balance dos danos causados no patrimonio público polos sucesivos temporais de chuvias da última semana, que afectaron a bens e infraestruturas en diferentes puntos do municipio.
Un dos principais incidentes produciuse na zona de aparcamento do pavillón de Cordeiro, onde o pasado luns, e debido ás filtracións de auga, se fundiu parte do asfalto orixinando unha fenda que co paso dos días foi medrando en dimensións. Debido á gran cantidade de auga acumulada, non foi ata o venres cando a maquinaria puido comezar a traballar para drenar a zona, chegar ata as tubaxes que discorren baixo o estacionamento e executar as reparacións oportunas. Ademais, tamén se rexistraron incidencias no ximnasio municipal, emprazado no mesmo pavillón, debido a acumulacións de auga.
Durante toda a fin de semana das festas o persoal de emerxencias mantívose en alerta para dar resposta ás situacións problemáticas derivadas das intensas chuvias. Coa axuda dunha pala, retiraron un tocón dunha árbore que obstruía un ollo da ponte de Casanova, impedindo o paso da auga. Tamén actuaron no regato da Devesa, limpando a maleza nun tramo duns 100 metros para evitar novos desbordamentos na zona da capela –que xa se vira afectada pola auga o pasado luns–. Non obstante, onte domingo chegaron a acumularse neste punto uns 20 centímetros de auga.
Producíronse acumulacións de auga que afectaron á circulación de vehículos en varias estradas do municipio. Foi o caso da PO-548 (titularidade da Xunta), á altura do punto quilométrico 2’3, no lugar do Forno, onde o carril descendente quedou totalmente asolagado. Na EP-8506 (de titularidade da Deputación), fronte á farmacia, quedaron asolagados os dous carrís.
As fortes precipitacións provocaron que, entre o venres e o sábado, os caudais dos ríos Louro e Valga subiran entre 60 e 70 centímetros, producíndose desbordamentos que obrigaron a cortar varias pistas municipais. Ademais, no Forno Forno foi necesario proceder á limpeza do río no tramo comprendido entre as instalacións de Hormadisa e a Casa do Cura (uns 300 metros) para evitar que se repetiran as inundacións en vivendas da zona, como xa sucedera a comezos da semana pasada
Outro dos puntos no que foi preciso intervir foi a rúa Doutor de Oya Salgueiro, debido á caída de dúas árbores na entrada das garaxes dun edificio.
Por último, téñense producido tamén importantes estragos no trazado do Camiño Portugués debido ás fortísimas chuvias rexistradas.