Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Onte repartíronse os últimos agasallos que quedaran pendentes da fin de semana

- Media ducia de centros educativos de distintas zonas de Galicia visitaron esta semana o nacemento

BATómbola1

Valga, 23 de decembro de 2022.

A tómbola solidaria organizada pola asociación Amigos do Belén pechouse onte cunha recadación total de 5.853 euros, unha cantidade que será doada á Asociación española contra o cancro.

Esta acción benéfica desenvolveuse durante a pasada fin de semana, cando se puxeron en xogo case douscentos regalos doados por veciños, casas comerciais e entidades de Valga e doutras vilas da contorna co obxectivo de xuntar fondos cos que contribuír a financiar a actividade da AECC, unha organización sen ánimo de lucro formada por doentes, familiares, voluntarios, colaboradores e profesionais que traballan para diminuír o impacto causado polo cancro e mellorar a calidade de vida das persoas, acompañando e apoiando aos enfermos e promovendo a investigación.

Durante a fin de semana xuntáronse un total de 5.390 euros e onte pola tarde retomouse a tómbola para poñer en xogo os últimos agasallos que quedaban sen repartir, entre eles unha televisión, varios xamóns, unha cesta de Nadal... Amigos do Belén conseguiron recadar outros 463 euros a través da venda de boletos, que podían adquirirse por tres euros.

BATómbola2 BATómbola3

Visitas concertadas ao Belén

Ademais dos visitantes, familias e grupos que nestes días acudiron ao Belén Artesanal no seu horario de apertura habitual, durante esta semana continuaron as visitas concertadas, que correron a cargo, na súa maioría, de centros educativos de distintas zonas de Galicia.

Foi o caso de 67 alumnos de Relixión dos curso de 1º e 2º da ESO do IES Torrente Ballester de Pontevedra, un centro asiduo ao Belén que leva  case vinte anos visitándoo. Tamén estiveron en Campaña case 40 estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria do CPI de Zas, e outros 37 do CPI Julia Becerra, de Barrantes (Ribadumia).

Tamén dende a comarca do Salnés, neste caso do IES de Meaño, achegáronse ao nacemento 150 mozos do IES de Meaño. Outras das visitas recibidas foron do CPI Pontecesures e do IES Pontepedriña, de Santiago, que desprazou a Valga a 73 alumnos.

Ademais, de colexios e institutos tamén se recibiron visitas doutros colectivos coma os usuarios do CODI ou excursionistas do programa DepoTermal.

Os colectivos que queiran solicitar cita para achegarse a ver a montaxe 2022/2023 do Belén Artesanal poden facelo a través do teléfono 630 95 25 15.

BAJuliaBecerra BAPontepedriña

Volver