Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Durante a súa estadía en Valga tamén visitaron o CODI e o Centro de Día

- O día 5 de xaneiro regresarán ao municipio, para recibir a todos os cativos nos exteriores do Belén Artesanal

Reis22 1

Valga, 22 de decembro de 2022.

Os nenos de Valga recibiron esta mañá unha visita moi especial, a dos Reis Magos, que aproveitaron o último día de colexio antes das vacacións de Nadal para saudar aos cativos e recoller as cartas que lles escribiron cos seus desexos.

Melchor, Gaspar e Baltasar iniciaron a xornada cunha parada na Escola Infantil Municipal, onde os pequerrechos de 0 a 3 anos os recibiron con asombro e tamén con ledicia. Os Magos de Oriente achegáronse despois ao CODI, para compartir uns momentos cos seus usuarios e aproveitaron para saudar tamén aos participantes na actividade de pintura e manualidade do Campus Sénior.

Os Reis viviron o seu momento máis multitudinario no pavillón municipal de Baño, onde se reuniu esta mañá o alumnado dos colexios Baño-Xanza, Xesús Ferro Couselo e das escolas do CRA. Alí pasárono en grande cun concerto de Uxía Lambona e, despois, recibiron a Melchor, Gaspar e Baltasar. Un a un foron saudando aos Reis e entregándolles as cartas nas que tiñan escritos os agasallos que desexan atopar baixo a árbore na mañá do 6 de xaneiro.

Por último, os Magos estiveron no Centro de Día, onde compartiron momentos cos usuarios e o persoal, aos que desexaron unhas felices festas.

Os Reis regresarán a Valga o día 5 de xaneiro con motivo da Cabalgata e serán recibidos nos exteriores do Belén Artesanal, onde pasarán de novo uns intres con todos os cativos que queira achegarse a saudalos ea entregarlles as últimas cartas antes da noite máis máxica do ano.

Reis22 2 Reis22 3

Reis22 4 Reis22 5

 

Volver