Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A ara foi sometida a unha limpeza para eliminar a biocolonización

- Un mestre canteiro realizou unha réplica que se colocou na área arqueolóxica

EstelaFuneraria1

Valga, 22 de decembro de 2022.

Un equipo integrado polo arqueólogo David Fernández Abella, a conservadora e restauradora Diana Blanco e o mestre canteiro Roberto Pente executaron, a instancias do Concello, o proxecto de “Traslado, depósito e substitución da estela funeraria de Igrexa Vella”, consistente na retirada da lápida, que ata agora se mantiña no xacemento de Cordeiro, a súa limpeza e traslado ao Museo da Historia para a súa conservación e exposición, creando ademais unha réplica para repoñer no lugar no que a pedra fora atopada.

Estas actuacións, que contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, teñen como obxectivo a protección deste ben arqueolóxico, un dos elementos máis singulares de cantos se atoparon durante as intervencións en Igrexa Vella. En concreto, a estela foi exhumada na campaña de escavacións levada a cabo en 2012. É de época tardorromana (século IV), pero fora reutilizada como parte do muro da fachada da primeira igrexa que se erixiu no lugar, construída no século V e que perdurou ata o VIII. Estas lápidas funerarias adoitaban colocarse no lugar de enterramento da persoa falecida, co seu nome e idade gravados na pedra. Neste caso, a lenda, escrita en latín, di: “Cos seus cartos a fixo para si aos 25 anos”.

Dende o seu descubrimento, hai unha década, a estela mantívose no propio xacemento e viuse afectada pola erosión propia de atoparse á intemperie, e por unha notable colonización biolóxica. Ademais, corríase o risco de que sufrira actos vandálicos, que xa se teñen producido en varias ocasións en Igrexa Vella, ou incluso ser obxecto de espolio. De aí que o Concello decidise intervir para evitar danos ou a perda deste ben.

A actuación iniciouse coa retirada da ara funeraria do lugar no que estaba ubicada, alterando o mínimo posible o contexto do xacemento. A pedra foi trasladada ao recinto do Museo, onde foi sometida a unha limpeza para eliminar a biocolonización e mellorar a lectura da inscrición, sen empregar nestes traballos ningún tratamento químico. Fíxose tamén un calco do texto para proceder á realización dunha réplica en pedra granítica de similares características e tallada a man polo mestre canteiro. Esta copia foi a que se colocou no xacemento, quedando a peza orixinal custodiada no Museo da Historia.

Un xacemento singular

O xacemento Igrexa Vella é un dos máis singulares de Galicia ao documentarse nel unha ocupación humana que comeza no século IV e se mantén ata o XVIII. O primeiro asentamento tardorromano era un pequeno complexo de vivendas e produción asociado aos restos dun forno de produción de vidro atopado no recinto.

No século V, coa cristianización do Imperio Romano, construíuse sobre este complexo unha pequena igrexa basilical de planta rectangular e, entre os séculos VIII e IX, por causa dun incendio (quizais vinculado aos episodios de ataques viquingos na época) érguese unha igrexa altomedieval de cabeceira cruciforme á que se lle engaden no século XVI unha sancristía e unha capela lateral.

Finalmente no século XVIII, en torno ao ano 1730, as necesidades de ampliación do templo fan que sexa desmantelado e os seus restos empregados na construción da actual igrexa de Santa Comba de Cordeiro.

EstelaFuneraria5 EstelaFuneraria0

EstelaFuneraria6 EstelaFuneraria7

Volver