- O secretario xeral de Política Lingüística e o concelleiro de Cultura asistiron onte á presentación da obra, de Miguel Ángel Martínez Coello
- A publicación inclúe 800 ilustacións, das que 56 son orixinais feitas polo autor, e documentación de diferentes países do mundo
Valga, 21 de decembro de 2022.
A Bella Otero segue levantando paixóns 154 anos despois do seu nacemento –que se cumpriron o pasado luns–, e para mostra a obra que onte se presentou no Museo da Historia: o libro “A Bela Otero”, de Miguel Ángel Martínez Coello, que afonda na biografía da admirada bailarina valguesa, que brillou no París da Belle Époque.
O acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, ao que acompañaron os concelleiros de Cultura e Educación, Pedro Calvo e Carmen Gómez.
Froito de anos de investigación e busca de documentación, o libro consta de 54 capítulos, 800 ilustracións (entre elas 56 orixinais feitas polo propio autor) e documentos de países coma Estados Unidos, Francia ou Australia, entre outros. En total, 360 páxinas nas que se aborda a vida e traxectoria da desexada artista, á que Martínez Coello quere poñer en valor coma unha muller emprendedora, coa súa propia personalidade e á que non lle importou enfrontarse con nada. “Hai anos fascinoume a súa lenda e comecei esta investigación que me foi atrapando, co obxectivo de descubrir a esencia de Carolina Otero. Pero atopeime con que a maioría das publicacións sobre a súa figura estaban baseadas nun mundo de lenda e fantasía que pouco tiñan que ver coa realidade”, explicou o autor, que co seu traballo trata de “poñer no lugar que lle corresponde a unha das mulleres máis interesantes da historia de Galicia e do mundo”.
O secretario xeral de Política Lingüistica referiuse á Bella Otero coma “unha das mulleres máis ilustres que deu Galicia” e dela dixo que “necesita un tratamento especial, despois de que a súa figura fora silenciada e vilipendiada durante moito tempo, porque brillou nunha época na que non era habitual nin doado que unha muller destacara”. Por iso, felicitou a Miguel Ángel Martínez Coello por contribuír a “restituír a imaxe e a dignidade” desta muller pioneira. Na mesma liña, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, quixo agradecer a este a outros autores que sigan investigando “para desvelarnos a historia da nosa artista máis internacional” e para “deixar atrás o estigma que a perseguiu durante tanto tempo”.