Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os gastos en Servizos Básicos suman 2’1 millóns, a Servizos Sociais destínanse 1.306.000 euros e a Emprego, 595.000

- O Pleno aprobou por unanimidade unha moción do grupo de goberno solicitando unha estación da rede de ferrocarril de proximidade

PlenoDec22 1

Valga, 20 de decembro de 2022.

O Pleno acordou onte, tan só cos votos favorables do grupo de goberno, a aprobación inicial dos orzamentos municipais para o exercicio 2023, que ascenden a 7.456.258 euros, o que representa un incremento de máis dun 24% con respecto aos deste ano 2022. Os concelleiros do PSOE e das Mareas votaron en contra.

O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, explicou o contido do presuposto, que destina 2.576.236 euros a investimentos, “un 35% máis que neste exercicio”, destacou. Recóllense actuacións para a dotación e ampliación de servizos básicos como melloras en viais e camiños, en espazos de esparexemento, recollida do lixo, mellora do alumeado público e actuacións de aforro enerxético e unha partida de 100.000 euros para o mantemento de parques, espazos naturais e mobiliario público. Tamén se prevén investimentos nas instalacións deportivas e na adquisición de equipamento para os recintos culturais e o Museo.

Presupóstanse para Servizos Básicos 2.155.000, dos que máis de 1’1 millóns se destinan a servizos comunitarios coma abastecemento (258.000), saneamento (264.000), tratamento e recollida de lixo e Plan Revitaliza (219.000) e alumeado público (336.000). As partidas para vivenda e urbanismo suman 615.000 euros, un 45% máis que no orzamento deste ano, e as relacionadas co medio ambiente, 173.400.

No que respecta aos Servizos Sociais e Igualdade, o presuposto reserva partidas por valor de 1.306.000 euros, dos que 451.000 se destinan ao servizo de axuda a domicilio para persoas dependentes, 105.000 para sufragar o funcionamento do CODI (a meirande parte dos fondos procedentes da Xunta) e 61.000 para o Centro de Información á Muller.

Ao fomento do emprego o Concello destinará 595.000 euros no vindeiro ano. Algunhas das medidas que se contemplan son as subvencións á contratación de parados do municipio, ademais das actividades de formación entre as que destacan diferentes cursos e os Obradoiros de Emprego. O concelleiro Souto destacou que o emprego en Valga continúa en liña ascendente, pasando de ter 312 parados hai un ano aos 288 actuais, o que supón unha taxa de desemprego do 8’5% fronte ao 12’6% do global do Estado.

No referente á Educación, o presuposto reserva 519.000 euros, con partidas para axudas en material e transporte escolar, actividades de conciliación e reforzo educativo e 266.900 para financiar o funcionamento da Escola Infantil Municipal.

Por último, os fondos para Cultura ascenden a 526.000 euros, dos que 155.000 euros se invisten na Escola Municipal de Música. Tamén se prevén actuacións no Auditorio Municipal, no Museo da Historia e noutros locais de carácter cultural, e resérvase financiamento para o Belén Artesanal.

O alcalde, José María Bello Maneiro, sinalou que estes son “uns presupostos axustados á realidade de Valga” e que, segundo o informe do Interventor municipal, cumpren  co obxectivo de estabilidade orzamentaria e co límite de gasto, sen que se contemple endebedamento financeiro.

Estación para o ferrocarril de proximidade

Na sesión plenaria, de carácter extraordinario, tamén se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo de goberno solicitando tanto ao Goberno Central como á Xunta de Galicia que reserven as partidas necesarias para potenciar a rede ferroviaria de proximidade e para a creación dunha estación en Valga, que favoreza a mobilidade sostible e os desprazamentos polo territorio.

Por último, deuse conta á Corporación dos informes sobre pago a provedores, execución do orzamento e cumprimento dos prazos de pagamento correspondentes ao terceiro trimestre de 2022.

 

PlenoDec22 2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver