- Foron doados polas familias do alumnado e veciños das diferentes aldeas nas que se atopan as escolas
- Os alumnos saíron a cantar panxoliñas para animar á xente a colaborar con esta iniciativa
Valga, 19 de decembro de 2022.
O CRA de Valga fixo entrega esta mañá na Casa do Concello de máis de 800 quilos de alimentos recollidos a través da iniciativa “Nadal Solidario”, coa que a comunidade educativa das escolas rurais trata de colaborar coas familias con menos recursos do municipio nunhas datas tan especiais coma as do Nadal. O director do CRA, Adrián Baloira, foi o encargado de facer a entrega dos produtos non perecedoiros ao alcalde, José María Bello Maneiro, e á concelleira Carmen Gómez.
O “Nadal Solidario” desenvolveuse durante a pasada semana, na que os nenos das escolas de Campaña, Forno, Vilarello, Xanza, Ferreirós e Chenlo saíron polas respectivas aldeas a felicitar as festas aos veciños e a animalos a contribuír con alimentos e produtos non perecedoiros. Tamén participaron con doazóns as familias do alumnado e incluso establecementos de Valga. A resposta superou todas as previsións e tamén o rexistro do ano pasado, cando se recadara media tonelada de alimentos. Nesta ocasión superáronse os 800 quilos de pasta, legumes, aceite, leite, galletas, produtos para bebés, conservas, cereais, azucre, turrón e outras lambonadas, sopas...
Todos estes produtos serán agora clasificados polo departamento municipal de Servizos Sociais para a súa entrega ás familias de Valga sen recursos, en situación ou en risco de exclusión.
O alcalde amosouse agradecido co profesorado do CRA por organizar esta iniciativa, e tamén coas familias do alumnado, demais comunidade educativa e veciños polas súas doazóns. “Foi unha sorpresa moi agradable comprobar a enorme cantidade de alimentos reunidos, que servirán para axudar a moitas familias non só nestas datas sinaladas, senón durante boa parte do vindeiro ano”.