- O alumnado das distintas escolas sairán a cantar panxoliñas polas aldeas a cambio de doazóns
- O ano pasado conseguiron xuntar media tonelada de produtos grazas á participación da comunidade educativa e dos veciños
Valga, 14 de decembro de 2022.
O CRA de Valga repite, por segundo ano consecutivo, a experiencia do “Nadal Solidario”, unha iniciativa coa que recadan alimentos e produtos de primeira necesidade para axudar ás familias con menos recursos do noso concello nestas datas sinaladas.
Durante esta semana o alumnado das escolas de Vilarello, Ferreirós, Forno, Campaña, Xanza e Chenlo percorrerá as aldeas para felicitar o Nadal aos veciños cantando panxoliñas a cambio de doazóns de alimentos non perecedoiros (legumes, pasta, conservas...) ou produtos de hixiene.
Toda a comunidade educativa do CRA e veciños de Valga que queiran colaborar nesta acción benéfica poden facer as súas doazóns en calquera das seis escolas ata finais desta semana. Todo o recadado será entregado polo CRA ao departamento de Servizos Sociais do Concello, que se encargará de distribuír os produtos entre as familias máis necesitadas. O pasado ano xuntáronse, grazas a este “Nadal Solidario”, media tonelada de alimentos.