- O alumnado de Infantil do colexio Baño-Xanza tivo a oportunidade de falar con Santa Claus para pedirlles os seus regalos preferidos
- A conexión realizouse dende a Aula CeMIT do Auditorio Municipal
Valga, 13 de decembro de 2022.
A ilusión coa que os máis pequenos viven as festas de Nadal reflectiuse nos rostros dos sesenta e seis nenos que esta mañá tiveron a oportunidade de falar con Papá Noel a través de videoconferencia dende a Aula CeMIT do Auditorio Municipal.
Diante da súa casa en Laponia e rodeado dunha paisaxe nevada, Santa Claus conectou dúas veces con Valga para escoitar a lista de regalos que lle pediron os alumnos de Educación Infantil do CEIP Baño-Xanza. A pesar da distancia que os separaba, a tecnoloxía fixo posible que os cativos lle contaran que se portaron todos moi ben durante este ano, axudaron ao seus pais coas tarefas da casa, estudaron moito no colexio e que o que máis lles gusta do Nadal é abrir regalos. Por iso, Santa Claus foi tomando nota de todos os xoguetes que vai ter que traer a Valga no seu trineo e que xa están fabricando os seus axudantes, os elfos.
Entre as peticións máis repetidas estiveron as bicicletas ou as bonecas, pero a lista de desexos dos rapaces valgueses inclúe tamén unicornios, instrumentos musicais, superhéroes, dinosaurios e outros moitos xogos.
Pola súa parte, Papá Noel pediulles aos pequenos que en Noiteboa lle deixen baixo a chimenea ou xunto á árbore de Nadal un vasiño de leite con galletas para repoñer forzas e unhas cenorias para os nove renos cos que viaxará por todo o mundo: Godín, Danzarín, Pompón, Xoguetón, Cometa, Cupido, Trono, Relámpago e, o favorito dos nenos, Rudolf.