Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Iria Esperón Abril, de 21 anos e natural de Vilares, ven de gañar por segunda vez o Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga” coa obra “A memoria da terra”, que o próximo 26 de maio se representará dentro do programa de actos da recreación da Batalla de Casaldeiro. iria

 

Valga, 23 de marzo de 2018.

"Non o esperaba”, asegura, “gañar unha vez xa me parecía ben”. Por iso, cando a concelleira de Cultura lle comunicou o veredicto do xurado a ledicia foi desbordante. “Chamei a miña nai para falar con ela, as dúas a berrar polo teléfono… Estamos todos moi contentos”. E dende entón “recibín moitísimas felicitatacións de amigos e de actores galegos. Fíxome moita ilusión”.

Hai catro anos, no 2014, xa se proclamara gañadora do certame con “Dádelles caña!” e ese foi o xérmolo de “A memoria da terra”. Daquela, explica, “fixera unha tormenta de ideas e quedárame unha no tinteiro. Retomeina este ano e tiven sorte”, sintetiza.

- Non todo será sorte?

- Dependía de que os outros traballos non fosen mellores que os meus. A miña é unha obra graciosa, pero facilmente podería ser superada por outras.

- Definirías así a obra, como graciosa?

- Eu sempre intento sacarlle a gracia ás cousas. Neste caso, as primeiras escenas, a medida que avanza a obra, repítense pero na época pasada. Quería que se vira ese choque, esa sensación de que está pasando o mesmo, aínda que salvando as distancias. E tamén con personaxes semellantes, coas mesmas personalidades nos dous momentos.

- É unha obra un tanto diferente ás que se viron en anos anteriores, cres que será unha sorpresa para o público?

- Creo que a xente non se espera que a obra sexa así, que haxa tantos paralelismos entre o presente e o pasado. As obras das edicións anteriores centrábanse todo o tempo no pasado, que está moi ben porque eu tamén o fixen con “Dádelles caña!”, pero este ano quería darlle outro enfoque.

- Entón non ten nada que ver “A memoria da terra” con aquela outra do ano 2014?

- Non. “Dádelles caña!” estaba centrada no pasado e gustoume moito meterme de cheo naquela época para explotar ao máximo aos personaxes. Por exemplo, sabía que tiña que haber a mítica taberna, porque sempre hai un borracho nestas historias. Tamén era unha obra moi graciosa, de feito cando lla estaba a ler a miña nai non parabamos de rir, pero era moi longa e, de feito, na versión final recortouse.

- Agora comeza outra fase, a da posta en escena. Vas participar nese proceso?

- Pos suposto que me gustaría seguir implicada na medida do posible. Ao estar en Santiago téñoo complicado, pero gustaríame formar parte do equipo e ver como “A memoria da terra” vai tomando forma. Ademais, eu estiven na Escola Municipal de Teatro, e cando estaba creando os personaxes pensaba: esta persoa que ben o faría.

- E actuar? Estarías disposta a actuar na túa propia obra?

- Por suposto que me gustaría, creeina eu e estaría encantada de formar parte dela. Ademais non teño preferencia por ningún personaxe, aceptaría calquera deles porque todos teñen algo especial. Pero, como dixen antes, ao non vivir en Valga é complicado.

- No texto refíreste á Batalla de Casaldeirigo como a historia “dun pobo unido para protexerse”…

- Paréceme que así foi. Os franceses viñan con todo e eles non tiñan nada máis que a forza de estar unidos como pobo e de protexerse os uns aos outros. Dicir “isto é noso e estes somos nós” foi a súa mellor arma.

- Imaxino que despois de presentarte dúas veces e gañar as dúas, xa terás en mente a terceira?

- Ideas sempre teño. Se podo e teño tempo quizais haxa unha terceira. Pero que gañe o premio ou non xa é outro cantar.

- Acostumas a escribir teatro, ao marxe das obras que presentaches a este certame?

- A verdade é que non escribo teatro, prefiro os relatos. Gústame máis a parte descritiva e o teatro, ao ser un diálogo, non se presta. Por iso prefiro a narrativa, escribir relatos breves sobre inxustizas como a violencia de xénero, para desafogarme cando algo me enfada ou, simplemente, reflexionar comigo mesma.

iria

- De onde ven entón a túa afección polo teatro?

- Con catro anos, cando estaba en Educación Infantil, preparamos coa profesora unha obra de teatro, algo que case todos fixemos. De nena facía moitas actividades extraescolares e esa foi unha que sempre estivo aí. Mentras puiden estiven na Escola Municipal de Valga e cando fun para Santiago a estudar Bacharelato tiña teatro como asignatura. Ese xa foi un nivel superior, apredín moitísimo e afondei moito en todo. Non só na parte escénica, en aprender un texto e interpretalo, senón outras moitas cousas. Agora formo parte dun grupo de teatro do programa Compostela en Escena. Temos como mestre a Artur Trillo e entre xuño e xullo estrearemos unha obra. Quizáis a poidamos traer a Valga se todo vai ben.                                                    

- E, sen embargo, estudas unha carreira de ciencias. Resulta chamativo.

- Tiven unha profesora de Literatura que sempre me dicía que eu era multiabarcante, que estaba en todo e, ao mesmo tempo, en nada. Toda a miña vida me gustaron cousas moi diferentes, participei en moitísimas actividades extraescolares. Estaba en Bacharelato facendo teatro pero seguía estudando a rama de ciencias. Precisamente por isto me costou moito elixir a carreira que quería facer. Gustábanme Psicoloxía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, pero ao final decidinme polo dobre grao en Bioloxía e Química.

 

Volver