- O monologuista e actor arousán fixo un repaso por algúns dos seus monólogos máis coñecidos
- A Garda Civil, os turistas ou a baronesa Thyssen foron algúns dos brancos dos seus chistes
Valga, 5 de decembro de 2022.
O Auditorio Municipal viviu o venres unha das citas máis agardadas dos últimos tempos, o espectáculo do humorista Carlos Blanco, que non só encheu o recinto de público, senón tamén de gargalladas. O monologuista e actor arousán reuniu a unhas trescentas persoas, que presenciaron unha sesión dunha hora de duración, na que se foron sucedendo as historias e relatos, cada un máis enxeñoso.
Blanco recuperou algúns dos seus monólogos máis coñecidos, pero tamén leu poemas e outros textos aos que sacou punta coa súa ironía e retranca características, e incluso se atreveu a versionar a Tom Jones.
As similitudes entre o galego e o inglés, os madrileños que visitan Galicia nas temporadas turísticas, a Garda Civil ou a baronesa Thyssen foron algúns dos brancos dos seus chistes.
A actuación, que tivo entrada de balde para o público, foi froito da colaboración entre o Concello e a Deputación provincial, a través do programa cultural “Tornar ás Táboas”.