- Un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia permitiu o investimento de case 26.000 euros
- Adquiríronse estantes, módulos de librarías, cadeiras, bancadas e butacas, entre outros mobles
Valga, 5 de decembro de 2022.
Un convenio de colaboración asinado entre o Concello de Valga e a Xunta de Galicia permitiu investir 25.981 euros na adquisición de mobiliario para equipar a biblioteca municipal de Valga, que se atopa no edificio administrativo situado na praza Manuel Vicente Cousiño.
Estantes, módulos de librarías, cadeiras, bancadas e butacas, entre outros mobles, permitiron crear un espazo polivalente que pode facer as funcións de sala de consulta, de lectura, de estudo, de investigación ou para a realización de traballos e que incluso pode utilizarse para o desenvolvemento de actividades de carácter cultural coma obradoiros literarios ou contacontos infantís.
Ademais, adecuouse un espazo para almacén da biblioteca, dedicado á almacenaxe de novos fondos que estean pendentes de catalogación e outros exemplares que sexan de consulta ou préstamo menos habitual ou que requiran dun tratamento máis coidadoso.
A subministración do equipamento foi adxudicado á empresa Instalacións de Mobiliario Comercial Mendoza S.L.