- O sistema de apertura dos colectores permite introducir botellas de ata cinco litros
- O aceite non debe tirarse polo vertedeiro xa que un litro pode chegar a contaminar ata 1.000 litros de auga
Valga, 30 de novembro de 2022.
O Concello de Valga, na súa política de fomento da reciclaxe dos distintos tipos de residuos, vén de instalar novos contedores para o depósito de aceite doméstico usado. Son un total de nove os colectores colocados nos seguintes emprazamentos:
- Nas inmediacións do colexio Xesús Ferro Couselo
- No cruce do teleclub de Cordeiro
- Na estrada PO-548, frente ao bar Pirata
- Na estrada PO-548, no cruce cara A Casa da Torre
- Na estrada PO-548, nas inmediacións do cruce de Baño
- Na illa de reciclaxe da Avenida da Coruña
- Na illa de reciclaxe situada xunto á parada de taxis
- Na estrada N-550, xunto ao cruceiro de Xanza
- Na estrada N-550, xunto ao cruce da estrada a Cuntis
Como principal novidade, estes contedores contan cun sistema de apertura de carga superior que permite depositar botellas de ata 5 litros, cando ata o de agora só podían introducirse envases de ata 1,5 litros de capacidade. Hai que lembrar que só pode botarse nestes colectores aceite doméstico e de ningún outro tipo, e sempre dentro de botellas de plástico que estean ben pechadas, para evitar verteduras.
Os aceites usados son altamente contaminantes sen non se tratan axeitadamente, xa que un litro pode chegar a contaminar máis de 1.000 litros de auga. Por iso é importante que non se tire polo vertedoiro ou polo inodoro, xa que pode causar problemas nas tubaxes e nas depuradoras e danos nos ríos e canles de auga.
O aceite depositado nos colectores de reciclaxe destínase á produción de biocombustibles, fomentando así alternativas sostibles aos combustibles fósiles convencionais.