Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Membros do goberno local, traballadores e veciños gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas

- O Concello súmase ao manifesto promovido pola FEGAMP, que remarca o rexeitamento do municipalismo á violencia de xénero

25NMinSilencio1

Valga, 25 de novembro de 2022.

Con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, este mediodía gardouse ás portas da Casa do Concello un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas da violencia de xénero, cun recordo moi especial para as mulleres valguesas asasinadas.

Neste acto institucional participaron membros do equipo de goberno, co alcalde, José María Bello Maneiro, á cabeza, traballadores municipais, os usuarios e persoal do CODI e outros veciños que quixeron amosar tamén a súa solidariedade coas vítimas.

O Concello de Valga súmase ao manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias contra a violencia de xénero:

“A liberdade, a seguridade e a integridade, son dereitos inherentes ao ser humano incuestionables e, como tales, non poden limitarse por circunstancias temporais ou espaciais nin tan sequera pender de ningún criterio, moito menos, pola condición de xénero.

A natureza esencial destes principios obriga a que non baste con que sexan respectados; deben estar garantidos sen fisuras cos medios legais e económicos precisos e coa defensa sen concesión por parte da sociedade –auténtica titular do poder nun sistema democrático–, que debe esixir que isto sexa así.

Con motivo deste novo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Valga manifesta a firme convicción e determinación para erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas, vítimas todas do machismo, xa que o maltratador leva por medio a quen considere con tal de que ela sufra.

Ademais da física, repudiamos calquera outra forma de agresión machista: psicolóxica ou emocional, sexual, económica, acoso, vexación... tanto no eido persoal como laboral.

Facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións como de cidadanía, no problema da violencia de xénero. Ninguén pode mirar para outro lado. Cadaquén debe asumir a súa responsabilidade no problema e na solución do mesmo. Cómpre unha reflexión sincera por parte de todos e todas e acción conxunta.

Unha vez máis, comprometemos traballo arreo, sen escatimar esforzos nin medios dentro das nosas posibilidades, priorizando as políticas e medidas contra a violencia de xénero fronte calquera tipo de maltrato e facilitando e fomentando a colaboración do resto das administracións e cidadanía. Apostamos pola información e concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man tanto no noso espazo como fóra del, para que quen os precise acceda a eles.

Pedimos, tamén, os medios necesarios para o labor e que se afaste esta loita da pugna ideolóxica, porque non cabe ningún tipo de negación desta cruel realidade e que no punto de mira de todos e todas só deben estar a liberdade, a seguridade e a integridade para todas as persoas.

Dende o Concello lanzamos, por último, unha mensaxe de esperanza e forza para todas estas mulleres que están a sufrir a violencia machista e a calquera que sufra o maltrato de xénero. Lembrámoslles que non teñen porque toleralo baixo ningunha forma e que estamos ao seu carón para axudalas a saír. Animamos por tanto ás vítimas e a calquera que teña coñecemento dalgún caso a dar o paso para pór fin á inxustiza. Contan connosco.”

25NMinSilencio2 25NMinSilencio3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver