Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo visitaron a zona para comprobar o resultado dos traballos

- O interese patrimonial destes fornos preindustriais motivou esta actuación, subvencionada pola Consellería do Medio Rural

TelleirasVilar1

Valga, 26 de novembro de 2022.

A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, achegáronse á zona de Vilar para comprobar o resultado dos traballos de posta en valor das antigas telleiras de Roeiro e Padín, situadas á beira do río Ulla. As obras, que se desenvolveron nas últimas semanas, permitiron facer de novo visibles estes vestixios do patrimonio etnográfico e cultural de Valga, que anteriormente se atopaban ocultos pola maleza.

Estas telleiras son dous exemplos excepcionais da arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, que tanta relevancia acadou na zona. Os traballos que se levaron a cabo consistiron na roza e limpeza da contorna das telleiras e do camiño de acceso, coa retirada de maleza e escombro, a limpeza en seco das estruturas que se manteñen en pé e a delimitación da zona cunha varanda rústica de madeira. O obxectivo é frear o deterioro das edificacións e darlle a importancia cultural, patrimonial, histórica e ambiental que teñen, polo que tamén se colocaron senllos paneis explicativos sobre as características e historia das dúas telleiras.

En ambos casos aínda se manteñen as estruturas das edificacións principais, as que estaban destinadas á cocción de produtos cerámicos, principalmente tella, pero tamén ladrillo. A telleira de Roeiro é unha das mellor conservadas da zona. A súa forma circular é pouco frecuente e convértea nunha das máis singulares de cantas existiron na contorna do Ulla. Esta característica distintiva fai pensar que quizais a súa orixe se remonte á época romana, sendo inicialmente un forno de fundición de metais adaptado logo como telleira. Deixou de funcionar en 1945.

A telleira de Padín foi a derradeira da zona en ser construída, en 1942, e tamén a última en apagar o seu forno (1960). Conserva parte da cuberta en forma de cúpula, parte do cubrimento interior en ladrillo e o emparrado que separaba a caldeira do forno, onde se colocaban as tellas as cocer.

Nas dúas se percibe claramente a zona destinada a leñeira, un terreo en pendente no que se gardaba a leña e dende o que se introducía na boca do forno cando este se poñía en funcionamento. Tamén se conservan algúns restos das edificacións secundarias dedicadas ao descanso dos telleiros e son visibles algúns tramos das canles que permitían o atraque das embarcacións para o transporte de barro e tella.

A produción de tella e ladrillo nestes rudimentarios fornos na zona do Ulla tivo o seu auxe na segunda metade do século XIX. No século XX, coa industrialización do sector produtivo, as telleiras comezaron a decaer e foron substituídas por factorías como Novo y Sierra, fundada no ano 1921.

A actuación de posta en valor financiouse cunha subvención da Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

TelleirasVilar2 TelleirasVilar3

TelleirasVilar4 TelleirasVilar5

Volver