- Ademais de acadar o título, foi terceiro na Copa Pirelli e noveno na clasificación xeral de pilotos
- O Concello faille chegar os parabéns por este novo éxito na súa traxectoria deportiva
Valga, 23 de novembro de 2022.
O valgués Esteban Cotón López proclamouse recentemente campión galego de Rallymix, na Agrupación 3, na que competían vehículos de máis de 1.600 centímetros cúbicos. É o segundo ano consecutivo no que o piloto de Cimadevila acada o título autonómico, que selou na derradeira proba da tempada, disputada en Barbadás na última fin de semana de outubro. Cruzar a meta era suficiente para saír campión e Estaban Cotón, aos mandos do seu Citroën Saxo, deu boa mostra da súa enteireza para sobrepoñerse ás emocións e non fallar no momento decisivo.
Atrás quedaba unha temporada “moi bonita, emocionante pero mo sufrida ata o último momento”. A súa mellor proba –o calendario estaba composto por un total de sete– protagonizouna en Touro, onde subiu ao máis alto do podio, repetindo o resultado do ano pasado. En A Estrada, Piñor, Portas e Cuntis foi segundo protagonizando remontadas espectaculares despois de sufrir problemas mecánicos e Ribadumia foi a única carreira que non conseguiu rematar.
O valgués compiteu este ano coa escudería Desguaces Tino Racing e os resultados acadados permitíronlle, ademais, ser terceiro na Copa Pirelli e situarse no noveno posto da clasificación xeral de pilotos. “Foi un ano complicado, máis que o anterior, no que non pensaba que ía revalidar o campionato porque as avarías foron continuas, unha detrás de outra, pero nas dúas últimas carreiras conseguín recuperar” e revalidar o título a pesar de competir contra rivais con traxectorias máis consolidadas, con máis recursos e mellores vehículos. É por iso que agradece o apoio de todos os seus patrocinadores, colaboradores, familia e achegados e especialmente o seu fillo Nicolás, que sempre sube con el ao podio a recoller os trofeos.
Parabéns por este novo éxito!!