- A actuación do humorista arousano está programada para as 20:30 horas
- “As bravas da Arousa” ou “As grandes frases das nosas avoas e avós” serán algunhas das historias que relatará
Valga, 23 de novembro de 2022.
O Auditorio Municipal recibirá o vindeiro 2 de decembro ao humorista Carlos Blanco, que fará unha revisión dos seus mellores monólogos para o público valgués e doutras localidades que queira asistir ao espectáculo, programado para as 20:30 horas. A entrada é de balde ata completar o aforo do recinto.
“As bravas da Arousa”, “A dobraxe porno”, “Galizara”, “As grandes frases das nosas avoas e avós”... son só algúns dos monólogos e historias que poderán escoitarse, un resumo de trinta anos de traxectoria sobre os escenarios, deixando sempre espazo para a improvisación e para a introdución de elementos de actualidade, como adoita facer Carlos Blanco en cada un dos seus espectáculos.
Serán sesenta minutos nos que as gargalladas estarán garantidas e nos que o humorista arousano xogará coas palabras e fará do humor un recurso terapéutico.
O espectáculo, que se enmarca no programa “Tornar ás Táboas” da Deputación Provincial, non está recomendado para menores de 13 anos.