Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Unhas 200 persoas asistiron o sábado á función de baile contemporáneo e música tradicional

- Alumnos de dirección e canto do CSM Galicia ofreceron un Concerto Barroco

DeMentes1

Valga, 21 de novembro de 2022.

O Auditorio Municipal foi durante a fin de semana epicentro da actividade cultural en Valga con dúas citas a cargo da compañía de danza Fran Sieira e do alumnado do Centro Superior de Música (CSM Galicia).

O sábado, arredor de duascentas persoas déronse cita para asistir ao espectáculo de baile contemporáneo e música tradicional galega “DeMente”, centrado na evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, dende os amoreamentos practicamente carcerarios de antano ata a externalización de hoxe en día, co obxectivo de promover a integración social destas persoas, a loita contra o estigma e a normalización deste tipo de doenzas.

A función, patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia a través do programa “Tece Redes”, contou con oito bailaríns en escena ao son da música do compositor Cristian Silva Bóveda.

A música foi tamén protagonista na mañá do domingo, co Concerto Barroco do alumnado de dirección e canto do Centro Superior de Música. Ofreceron un repertorio integrado por obras de Antonio Vivaldi. Armando Morales, Miguel Nistal, Carmen Mª Ferreiro e Ance Laganovska encargáronse da dirección da orquestra de cordas e o coro, aos que acompañaron as solistas Andrea Mosteiro (soprano), Elisabet Lustres (soprano) e Andrea Rey (alto).

As actividades continúan durante esta semana, con dúas novas citas. O vernes, o espectáculo de teatro “Iriña Bailarina”, dirixido a alumnado dos colexios Baño-Xanza e Ferro Couselo, e o sábado con concerto de Santa Icía a cargo da Banda de Música Municipal de Valga, a partir das 19:30 e con entrada de balde.

DeMentes2 DeMentes3

ConcertoBarroco1 DeMentes4

Volver