- A función dará comezo ás 19:30 horas, con entrada de balde para o todo o público
- A obra reflexiona sobre a integración social das persoas que sofren trastornos mentais
Valga, 17 de novembro de 2022.
O Auditorio Municipal acolle este sábado, a partir das 19:30 horas, o espectáculo de baile contemporáneo e música tradicional galega “DeMente”, da compañía Fran Sieira, unha actividade que se enmarca no programa “Tece Redes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A peza conta cun elenco artistico de oito bailadores que, a través da coreografía e da música e o canto tradicional, promoven o uso da lingua galega. A palabra cantada adquire, así, unha dobre función: contribúe á normalización do galego como idioma para a expresión artística e pon en valor a oralidade como patrimonio inmaterial e de transmisión interxeracional.
En “DeMente” plásmase unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas. Porase en escea a evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, dende os amontonamentos practicamente carcelarios de antano ata a externalización de hoxe en día, co obxectivo de promover a integración social destas persoas, a loita contra o estigma e a normalización deste tipo de doenzas.
A entrada é de balde para todo o público que queira asistir.