- Impartirase os días 1 e 7 de decembro por membros das forzas de seguridade do Estado
- Ofreceranse consellos de autoprotección e, na parte práctica, traballaranse técnicas coas que repeler agresións
Valga, 16 de novembro de 2022.
O Concello de Valga, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, organiza un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas que se impartirá os días 1 e 7 de decembro no Auditorio Municipal a cargo de membros das forzas de Seguridade do Estado e especialistas da Federación Galega de Loita. O horario das sesións será de 16:30 a 20:30.
A actividade está dirixida a mulleres maiores de idade, que poden inscribirse a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou dos teléfonos 636 75 79 69 e 659 06 37 14. Recibirán formación que lles permita evitar situacións de risco para elas ou repeler unha agresión. Haberá, polo tanto, unha parte práctica na que traballarán unha serie de técnicas sinxelas e que non requiren de ningunha condición física específica nin unha idade determinada, pero que son eficaces á hora de zafarse unha agresión ou frear unha ameaza.
Ademais, tamén haberá unha parte centrada nas medidas de autoprotección, na que se lles explicará ás participantes como detectar e avaliar situacións de risco e se lles ofrecerán unha serie de consellos que lles permitan sentirse máis seguras en determinadas circunstancias, por exemplo se atopan soas durante a noite ou en lugares pouco transitados. Tamén se tratarán cuestión lexislativas, explicando, por exemplo, en que consiste o dereito á lexítima defensa.