Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Esta problemática abordarase cunha perspectiva de xénero, ante a proximidade das conmemoracións do 25-N

Diríxese á poboación xeral e as inscricións poden realizarse a través do teléfono 698 149 915

FalamosWeb

Valga, 15 de novembro de 2022.

O Auditorio Municipal acolle o vindeiro luns, 21 de novembro, a charla informativa “Falamos?”, centrada na prevención da conduta suicida con perspectiva de xénero. A actividade, organizada conxuntamente entre o Concello e o colectivo Andaina Pro Saúde Mental, desenvolverase entre as 10.30 e as 12:00 horas e está dirixida á poboación xeral, enfocada en facilitar recursos de prevención e abordaxe de situacións de crise. A finalidade é concienciar á poboación sobre a problemática do suicidio, dotando aos asistentes de ferramentas para a súa detección e manexo.

Asemade, dada a proximidade do Día Internacional contra a violencia de xénero (25 de novembro), farase especial énfase na relación entre violencia e risco de suicidio, así como noutros factores diferenciais de xénero que supoñen un incremento deste risco para as mulleres.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do teléfono 698 149 915.

Andaina Pro Saúde Mental é unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxectivo fomentar a autonomía persoal e a integración social das persoas con problemas de saúde mental, para o seu pleno desenvolvemento en sociedade, así como prestar apoio ás súas familias e achegados.

Dende 2010, este colectivo desenvolve un programa de prevención da conduta suicida na comarca Ulla-Sar e unha das liñas de actuación céntrase no desenvolvemento de actividades informativas e de sensibilización social coas que visibilizar esta problemática, dando a coñecer os recursos de atención existentes en caso de risco.

Falamos

Volver