- A actividade é gratuíta e terá unha duración de nove horas, divididas en tres sesións
- O emprego de caixeiros automáticos, máquinas de quendas dos hospitais ou o uso da aplicación do Sergas serán algúns dos contidos
Valga, 11 de novembro de 2022.
O Concello, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, ten previsto impartir durante o mes de decembro un curso de dixitalización dirixido a persoas maiores de 65 anos, co obxectivo de favorecer a súa autonomía e independencia e que cheguen a ser dixitalmente competentes.
A actividade é gratuíta e terá unha duración de tres días (1, 15 e 22 de decembro de 10:00 a 13:00 horas). O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de novembro, tanto no departamento de Servizos Sociais do Concello coma no Auditorio Municipal.
Con este curso búscase axudar aos maiores que non estean acostumados a operar con dispositivos electrónicos a aprender a realizar accións e comunicacións cotiá, que lles poden ser útiles en diferentes ámbitos da súa vida. Como desenvolverse nun caixeiro automático (realizar transferencias, pagar recibos, ingresar cartos nunha conta bancaria...), o emprego do teléfono móbil (engadir contactos á axenda, realizar videochamadas, empregar o GPS ou conectarse a redes WIFI), uso de máquinas de quendas de hospitais ou o uso da aplicación do Sergas serán algúns dos contidos.