Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Aimee Rabah, de 18 anos, conta cunha bolsa que lle permitirá cursar en Valga os catro anos de estudios superiores de Clarinete

- “Estou moi contenta de estar aquí, é unha grande oportunidade para min”, asegura a estudante

Aimee

Valga, 10 de novembro de 2022.

O Centro Superior de Música de Galicia (CSM Galicia), con sede no Auditorio Municipal, ten este curso entre os seus alumnos á moza palestina de 18 anos Aimee Rabah que, cunha bolsa da Fundación Barenboim-Said e da man do mestre Simón Ibáñez, se trasladou dende Ramala a Valga para cursar os seus estudos superiores de música na especialidade de Clarinete.

Aimee e Simón Ibáñez, mestre titular de Clarinete no CSM Galicia, coñecéronse en Ramala cando ela era aínda unha nena de 9 anos. “A idea de que se integrara no CSM xurdeu dende a Fundación, co obxectivo de que Aimee puidera continuar os seus estudos superiores. Ao estar eu aquí pensamos que era unha boa idea continuar na mesma liña na que xa viñamos traballando”, explica Ibáñez.

A través da organización Barenboim-Said, a moza palestina conseguiu unha bolsa que lle permitirá realizar en Valga os catro anos de estudos superiores de música. “Estou moi contenta de estar aquí, é unha grande oportunidade para continuar coa miña carreira musical e, ademais, Valga é un lugar moi fermoso no que a natureza e as paisaxes son incribles e a xente moi acolledora”, o que lle está a facilitar a súa integración.

Transformar a sociedade a través da música

A Fundación Barenboim-Said, con sede en Andalucía, leva o nome do director de orquestra arxentino-israelí Daniel Barenboim e do intelectual palestino Edward Said, referentes na promoción do diálogo, a convivencia e a cultura da paz como valores universais. En 1999 fundaron a Orquestra West-Eastern, formada por músicos de Israel e territorios palestinos, proxecto polo que recibiron o premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2002.

Entre os obxectivos da Fundación destaca o emprego da música como vehículo para a transformación da sociedade e a cooperación entre culturas e pobos, poñendo en marcha accións dirixidas a fomentar a formación e a educación no ámbito da música; desenvolver proxectos de formación e cooperación tanto en España, coma en Palestina e noutros países de Oriente Próximo; promover a investigación musical e o intercambio de información sobre dereitos humanos, a loita contra o racismo e a xenofobia.

Volver