Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os alevíns, procedentes da piscifactoría de Carballedo, teñen un tamaño duns oito centrímetros

- O alcalde e o xefe territorial de Medio Ambiente participaron nesta acción para repoboar o couto de pesca

SoltaTroitasLagoa1

Valga, 9 de novembro de 2022.

O Concello e a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, a través da Xefatura territorial de Medio Ambiente, procederon esta mañá á solta de 8.551 exemplares de troita na Mina Mercedes, unha acción coa que se contribúe á repoboación do couto de pesca recreativa sen morte constituído na lagoa dende febreiro de 2012.

Os alevíns de troita común, procedentes da piscifactoría de Carballedo, situada en Cerdedo-Cotobade, teñen uns nove meses de vida e unha talla de 8 centímetros. A solta realizouse en varios puntos da lagoa baixo a supervisión dun axente medio ambiental da Xunta e coa participación do alcalde, José María Bello Maneiro, e do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, José Manuel González.

A Mina Mercedes, que se localiza no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra cunha extensión de arredor de 30.000 metros cadrados. No seu día foi unha explotación de arxila a ceo aberto vencellada á actividade industrial da empresa de cerámica Novo y Sierra e, posteriormente, o Concello promoveu a súa recuperación.

Na actualidade conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat existe unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.

En 2012 a lagoa converteuse en couto de pesca sen morte para colectivos coma maiores e persoas con discapacidade, tendo como especie principal a troita. As repoboacións son frecuentes neste couto, para manter a súa actividade. A anterior realizárase en xullo de 2021.

SoltaTroitasLagoa3 SoltaTroitasLagoa5

Volver