Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A entrega da condecoración tivo lugar esta mañá nun acto ao que asistiron o alcalde e o concelleiro de Seguridade

- “Camaño” ingresou en Protección Civil de Valga en xaneiro de 1996 e dende 1997 é o responsable da agrupación

MedallaPC1

Valga, 5 de novembro de 2022.
O responsable da agrupación de Protección Civil de Valga, José Manuel Otero González “Camaño”, foi condecorado coa medalla de bronce ao mérito de Protección Civil, un distintivo que entrega a Consellería de Presidencia da Xunta para recoñecer publicamente tanto as actuacións destacadas en materia de protección civil como a prestación de servizos por tempo continuado.

A entrega do recoñecemento tivo lugar esta mañá na Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, en presencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Seguridade e Protección Civil, José Lagos. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

José Manuel Otero González leva máis 25 anos demostrando o seu compromiso co ámbito das emerxencias e de protección civil. Iniciou a súa traxectoria na agrupación do concello veciño de Pontecesures e, en xaneiro de 1996, ingresou en Protección Civil de Valga, sendo presidente da súa Xunta Directiva dende abril de 1997 e ata a actualidade.

Nestes máis de 25 anos, “Camaño” demostrou ser un dos principais activos da agrupación, logrando que os máis mozos se involucrasen na mesma e inculcando, ao mesmo tempo, a disciplina necesaria para traballar no campo das emerxencias de protección civil e buscando en todo momento as mellores oportunidades de formación para os voluntarios para que o traballo sexa realizado nas mellores condicións e coa profesionalidade que require este campo.

Esta condecoración súmase á que recibiu no pasado mes de maio a agrupación de Protección Civil de Valga por parte da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, con motivo dos seus 25 anos de servizo público, que se cumpriron en plena pandemia.

MedallaPC2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver