Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As entradas poden adquirirse a 5 euros o sábado, día do concerto

jorgelina

Valga, 21 de marzo de 2018.

O dúo integrado pola cantante Jorgelina Piana e o guitarrista Sergio Ariel presenta este sábado no Auditorio Municipal “Utopías”, un espectáculo acústico e intimista a base de baladas, tangos e fados “cun estilo moi auténtico e xenuino, moi noso”, explica Jorgelina.

“Non é o tango cuadriculado, nin tampouco un tango moderno ou roqueiro, senón un tango levado ao noso estilo, que é moi galego”, non en balde tanto Jorgelina como Sergio teñen ascendencia galega. “E o mesmo sucede co fado, é un estilo moi propio”, engade a vocalista. O concerto comezará ás 21 horas con entradas a 5 euros que poden adquirirse o sábado no Auditorio.

Arxentina afincada en Caldas de Reis, Jorgelina leva o apelido do avó do seu marido, Sebastián Piana, compositor falecido, un dos referentes da música arxentina con máis de 500 composicións. A mediados deste ano a artista publicará “Legados”, o seu primeiro disco de milongas adicado, precisamente, ao seu avó político. Dende hai meses ten no mercado o single “Papá Baltasar”, que pode escoitarse en canais como Youtube ou adquirirse no portal cdbaby.com.

Jorgelina Piana chegou a Galicia en febreiro do ano 2002. En Arxentina “non me dedicaba á música”, comenta. “Estudei canto e fixen cursos de perfeccionamento vocal, pero decidín dedicarme a outra cousa e traballaba nun banco”. En España, ante as dificultades laborais coas que se topou, probou sorte no mundo das orquestras e formou parte durante tres anos do grupo “Triunfo”.

Tempo despois, e respaldada polo consulado arxentino en Vigo, introdúxose en espectáculos de tango e folclore o que en 2008 lle permitiu actuar, da man do pianista Juan Carlos Cambas (músico de Dulce Pontes), para  Stephen Hawking nunha cea privada na súa honra en Santiago. “Aí descubrín que o tango lle gustaba moito” ao científico recentemente falecido.

Dun tempo a esta parte, Jorgelina Piana comparte escenario co seu compatriota Sergio Ariel. “Coñecémonos nunha actividade cultural en Caldas e hai ano e medio que traballamos xuntos”. O guitarrista, tamén vocalista e compositor, compaxina a súa alianza musical con Jorgelina con outros proxectos musicais, como Pequeña Gran Compañía ou o grupo RockaRolla.

UTOPÍASs

Volver