Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O espazo, centrado na diversidade de recursos turísticos do territorio, emitirase en Anove Televisión

- Inclúe entrevistas co alcalde e coa concelleira de Turismo e reportaxes sobre Valga

GravaciónMdS01

Valga, 03 de novembro de 2022.

O Auditorio Municipal foi o escenario elixido por Mar de Santiago para gravación dun programa sobre este destino turístico que se emitirá proximamente en Anove Televisión, unha canle de recente creación que cubre a eurorrexión luso-galaica.

O programa, dirixido por Guillermo Campos e presentado por Sara Rodríguez e Ruth Núñez, abordou a diversidade de recursos que ofrecen os catro concellos que forman este xeodestino, que ten como fío vertebrador o río Ulla e a ruta marítimo-fluvial a Santiago, seguindo os pasos dos restos do Apóstolo.

O espazo gravado en Valga está centrado no turismo, pero tamén na historia, nos recursos naturais, nos persoeiros, no tecido industrial, na música, nas festas e na gastronomía de Valga, Pontecesures, Catoira e Vilanova.

No caso de Valga, inclúe entrevistas ao alcalde, José María Bello Maneiro, e á concelleira de Turismo, Malena Isorna, e reportaxes sobre as orixes do municipio e os vestixios culturais e patrimoniais deixados polos nosos antepasados, recursos coma a área fluvial de Vilarello ou a Mina Mercedes e proxectos de futuro coma a rexeneración da Mina Porto Piñeiro ou a recuperación da antiga liña de vagonetas aéreas. Tamén se tratan aspectos culturais coma o Centro Superior de Música e outros servizos que ofrece o Auditorio.

A marca “Mar de Santiago”, promociona a ruta xacobea marítimo-fluvial –tamén coñecida coma “Traslatio”– coma a orixe do Camiño de Santiago, co obxectivo de captar peregrinos que cheguen a Santiago para que continúen coa súa experiencia visitando os catro concellos asociados.

GravaciónMdS02 GravaciónMdS03

Volver