- O módulo ten unha duración de 60 horas e é impartido pola Fundación Laboral da Construción
- Explícanse aos alumnos as medidas preventivas a adoptar no posto de traballo
Valga, 25 de outubro de 2022.
Os vinte alumnos que participan no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI, promovido polos Concellos de Valga e Moraña, iniciaron nos últimos días o módulo de prevención de riscos laborais, unha formación complementaria ás dúas especialidades das que consta o Obradoiro: carpintería e forestais.
O módulo ten unha duración de sesenta horas, con seis horas específicas para cada un dos oficios. Os principais contidos son conceptos básicos de seguridade e saúde, riscos no posto de traballo e as medidas preventivas a adoptar, así coma nocións de primeiros auxilios. Con esta formación, que foi impartida por persoal da Fundación Laboral da Construción, trátase de concienciar ao alumnado sobre a importancia da seguridade e a saúde no traballo, de maneira que identifiquen e analicen os riscos xerais e específicos da súa actividade.
Ademais, cumprindo coas obrigas de vixilancia da saúde, o alumnado e o persoal do Obradoiro realizaron os correspondentes recoñecementos médicos.