Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os aprendices traballan na detección dalgúns dos principais problemas medioambientais aplicados aos oficios de carpintería e forestais

- Vinte persoas desempregadas de Valga e Moraña participan neste proxecto, cunha duración dun ano

UllaUmiaVI Sensibilización

Valga, 14 de outubro de 2022.

O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI comezaron esta semana un módulo sobre Sensibilización Ambiental como parte da formación complementaria aos oficios que van a aprender durante os doce meses de duración do proxecto formativo: os de carpintería e forestal.

O módulo ten unha duración de nove horas e impárteo a experta docente da especialidade de forestais, Teresa González. O obxectivo é introducir aos alumnos no coñecemento dos principais problemas medioambientais, tanto a nivel xeral como no ámbito laboral, e a súa aplicación nas especialidades de carpintería e forestais a través do desenvolvemento de boas prácticas ambientais.

Durante as sesións estase a facer fincapé en asuntos como a contaminación, os vertidos, o tratamento de residuos, a compostaxe, o desenvolvemento sostible, a deforestación e a desertización, entre outros. Os participantes tamén realizan prácticas de detección dos principais problemas medioambientais aplicados ás especialidades formativas do obradoiro.

Esta formación impártese ao mesmo tempo que o alumnado recibe a formación específica de cada especialidade antes de comezar coas prácticas de cada un dos oficios.

No Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI participan vinte persoas desempregadas dos concellos de Valga e Moraña, que perciben o salario mínimo interprofesional durante o ano de duración do proxecto. Neste período, ademais de recibir formación teórico-práctica, os aprendices realizarán obras de interese público que, no caso de Valga, serán: dotación de mobiliario e mellora da zona recreativa do Muíño de Beiro e doutras áreas de ocio, e tarefas de acondicionamento de zonas verdes e espazos naturais.

Volver