Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Begoña Piñeiro inauguraron onte a mostra xunto á pintora

- “O Camiño das estrelas” permancerá na sala de exposicións do Auditorio ata finais de outubro

ExpoCamiño1

Valga, 7 de outubro de 2022.

O Auditorio Municipal recupera a súa actividade expositiva tralo parón do verán e faino da man da artista Mª José Rodríguez, que trae a Valga a mostra “O Camiño das estrelas”, unha colección de pinturas vencelladas coa temática do Camiño de Santiago, aproveitando o Ano Santo 2021-2022. Aínda que a estrea da exposición, incluso foi anterior, no ano 2020 na Casa de Galicia en Madrid.

Adquiriu despois un carácter itinerante, pasando por Vila de Cruces, Friol, Guitiriz ou Melide, entre outras localidades, e recala agora no Auditorio, onde onte o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Begoña Piñeiro recibiron a artista con motivo do acto de inauguración.

“Quero amosar o meu amor polo Camiño e pola cultura que se desenvolve arredor seu grazas á chegada de xente de todos os currunchos do mundo, o que propicia un gran intercambio cultural", explicou Mª José Rodríguez. Panorámicas de Santiago, coa Catedral como elemento central, e doutras cidades e vilas galegas integran esta exposición. Tamén hai espazo para elementos patrimoniais e etnográficos coma os hórreos ou para tradicións coma a malla do trigo. Para completar a mostra, ofrécese un percorrido por distintas cidades españolas a través de cadros nos que se combinan diferentes técnicas: algúns están feitos con máquina de coser, outros incorporando teas, partes de caixas de froitas e latas de bebidas, coma un chamamento a prol da reciclaxe.

María José Rodríguez defínese como unha artista multidisciplinar, abarcando dende a pintura ata a artesanía, modelado, escultura e incluso a costura. Nada na Coruña, a profesión do seu pai ferroviario levouna de nena a residir en Ponferrada e, posteriormente, a trasladarse a Vilagarcía, onde está afincada dende hai anos. Ademais, ten tamén relación con Valga, xa que casou cun veciño de Xanza. Este é a segunda vez que amosa as súas obras na nosa vila, posto que hai uns anos xa realizara unha exposición na Casa do Concello con motivo da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

ExpoCamiño2 ExpoCamiño3

ExpoCamiño4 ExpoCamiño5

Volver