Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde e a concelleira de Emprego participaron esta mañá no acto de inauguración co delegado da Xunta en Pontevedra

- Un cento de candidados desempregados presentáronse ao proceso de selección dos aprendices

ObradoiroVI1

Valga, 6 de outubro de 2022.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, asistiron esta mañá en Moraña ao acto de posta de largo do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI, unha iniciativa orientada a mellorar a empregabilidade e a favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas dos dous concellos promotores. Un cento de aspirantes presentáronse ao proceso de selección no que se elixiron a 20 participantes.

Durante un ano os aprendices formaranse nas especialidades de Repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e conservación de montes e Traballos de carpintería e moble e mecanizados de madeira, con sesións teóricas nas que adquirir os coñecementos necesarios sobre estas dúas profesións e, tamén, coa realización de prácticas consistentes en obras de interese público, centradas na recuperación e acondicionamento de recursos endóxenos, principalmente relacionados co patrimonio histórico, cultural e ambiental de Valga.

No caso dos alumnos de carpintería, traballarán no acondicionamento da zona recreativa do Muíño de Beiro e doutras áreas de ocio e na dotación de mobiliario. Os aprendices de forestal, pola súa parte, realizarán tarefas de acondicionamento de zonas verdes e espazos naturais.

 A inauguración estivo presidida polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e contou coa asistencia do alcalde de Moraña, José Cela, e da directora do Obradoiro, Mari Carmen Vidal. Bello Maneiro pediu aos participantes “vontade e esforzo” para “aproveitar esta oportunidade e que poidades acceder a un posto de traballo, xa que ese é o obxectivo que perseguimos os dous concellos”. O rexedor lembrou que a colaboración entre Valga e Moraña en materia de formación para o emprego remóntase a varios anos atrás e con resultados óptimos, que están a permitir que veciños desempregados de ambas localidades obteñan un certificado de profesionalidade que lles abra as portas do mercado laboral.

O delegado da Xunta remarcou que a Consellería de Promoción do Emprego investirá neste Obradoiro 504.000 euros. “O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción en sectores con moita saída laboral en Moraña, Valga e, en xeral, en toda a comarca”.

ObradoiroVI2 ObradoiroVI3

Volver