Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ademais da súa limpeza, mellorarase o pavimento e instalarase unha nova cuberta

- A actuación de posta en valor conta cunha subvención de Turismo de Galicia

ObrasMuíñoXalleiro1

Valga, 5 de outubro de 2022.

O Concello de Valga está a traballar a prol da recuperación dos elementos de interese patrimonial e cultural existentes no municipio con diferentes actuacións de posta en valor que están executándose nestes momentos. Unha delas desenvólvese nas telleiras de Vilar, pero tamén están en marcha as obras de recuperación do Muíño do Xalleiro, no lugar de Chenlo, unha antiga edificación de valor etnográfico situada ao pé do Camiño de Santiago e á beira do río Valga.

Na situación na que se atopaba, en estado semirruinoso e cuberto pola maleza e as árbores, o muíño pasaba ata o de agora completamente inadvertido para a multitude de peregrinos que transitan por esta Ruta Xacobea. O obxectivo da actuación que se está a executar é corrixir esa imaxe de abandono que ameaza a conservación deste ben e, ademais, afea a paisaxe da zona.

Os traballos comezaron pola limpeza do entorno e a eliminación da maleza e hedras que practicamente cubrían a edificación e céntranse agora no encintado dos muros de pedra. Tamén está prevista a colocación de pavimento en lousa de pedra, a instalación dunha nova cuberta de madeira de castaño e tella do país e a limpeza de todo o conxunto cunha hidrolimpadora para retirar os musgos e liques que se acumularon co paso do tempo.

Esta actuación está subvencionada pola Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia e dunha liña de axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.ObrasMuíñoXalleiro2 ObrasMuíñoXalleiro3

ObrasMuíñoXalleiro4

 

Volver