- Veciños de ambas localidades recibirán asesoramento para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral
- As accións irán dirixidas á información aos demandantes e á prospección de emprego
Valga, 29 de setembro de 2022.
Os Concellos de Valga e Pontecesures veñen de asinar un convenio de colaboración para a prestación do servizo de orientación laboral a persoas demandantes de emprego.
O Concello de Valga, como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, leva dende o ano 2011 realizando actividades de información, orientación e prospección de emprego, un servizo que grazas a este convenio se fai tamén extensible ao Concello de Pontecesures e aos seus veciños, co obxectivo sempre de mellorar as posibilidades de inserción laboral e de empregabilidade.
As accións que se ofrecen a través deste servizo inclúen:
- Diagnóstico individualizado e elaboración do perfil ocupacional das persoas demandantes de emprego.
- Deseño de itinerarios personalizados para o emprego e acompañamento no seu desenvolvemento.
- Deseño, planificación e execución de acción grupais de orientación laboral que poidan ser de interese.
- Asesoramento e axuda na elaboración dun currículo que reflicta o seu perfil e competencias profesionais.
- Información e asesoramento adicional sobre a situación do mercado de traballo, as políticas activas de emprego e a oferta formativa.
- Apoio á xestión da mobilidade laboral.
Serán destinatarios destas accións as persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia de ámbolos dous concellos, que contan para o desenvolvemento deste servizo cunha subvención da Xunta de Galicia.