- A ordenanza da Escola Infantil modificouse para adaptala á normativa da Xunta que establece o a gratuidade da educación de 0 a 3 anos

- Quedaron fixados os festivos locais do próximo ano e aprobouse a Conta Xeral do exercicio 2021

PlenoextraOutubro19

Valga, 16 de setembro de 2022.
A Corporación municipal reuniuse onte á tarde nun Pleno ordinario cargado de contido, cun total de dezaseis puntos na orde do día, entre eles a aprobación do proxecto para a supresión de dous pasos a nivel na parroquia de Cordeiro, a través dun convenio co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) que suporá un investimento de 3’7 millóns de euros.

Estes pasos a nivel corresponden aos cruces cos camiños de Carracido e de Castiñeiras-Carballa, situados nos puntos quilométricos 64/110 e 65/212 da liña ferroviaria, e a súa supresión levarase a cabo mediante a continuación dos camiños de enlace paralelos á vía e a construción dun paso superior que garantirá a conexión entre ambas marxes, incrementando as condicións de seguridade tanto para o tráfico viario e peonil coma para o ferroviario.

Outro dos asuntos tratados foron as actuacións que Augas de Galicia e o Concello, a través dun convenio de colaboración, executarán para reducir o risco de inundacións no municipio. Un dos proxectos a desenvolver é a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril (344.593’83). O Pleno estimou necesaria a realización das obras, declarándoas de utilidade pública a efectos de expropiacións. A relación de bens afectados e a urxente ocupación dos mesmos quedaron aprobadas e ábrese agora un período de información pública de 30 días.

De igual modo, aprobouse a relación de bens cuxa ocupación se considera necesaria a efectos de expropiación para dar acceso á futura Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Medela, abrindo un período de información pública de 15 días. Neste caso son tres os propietarios afectados que, nun principio, cederan verbalmente os terreos para poder acceder á parcela adquirida polo Concello para instalar a depuradora. Sen embargo, despois negáronse o que motivou un atraso na obra que conlevou a perda dunha subvención para a mesma, tendo o Concello que recurrir á expropiación.

En materia económica, foi aprobada a conta xeral de 2021, cos votos a favor do equipo de goberno e en contra do PSOE e Mareas. A conta pechouse cun remanente de tesourería positivo de 318.597’61 euros. O saldo das operacións correntes (gastos de funcionamento dos servizos municipais) ascendeu a 465.542 euros e o aforro neto foi de 341.481’25, tal e como explicou o concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, que destacou que “cumprimos coa normativa orzamentaria sen necesidade de adoptar ningunha medida correctiva” e que durante o ano 2021 as inversións realizadas superaron nun 25% as previstas no orzamento.

O alcalde, José María Bello Maneiro, ofreceu máis datos que se recollen no informe do interventor municipal. A 31 de decembro de 2021 os dereitos pendentes de cobro por parte do Concello ascendían a 1.834.072’45 euros, mentras que as obrigas pendentes de pago eran de 1.677.762’62. Desta cantidade, o interventor destaca que un millón de euros xa foron pagados no primeiro trimestre de 2022.

Na sesión votáronse dous puntos relativos á Escola Infantil Municipal, aprobados ambos por unanimidade. Por unha parte, modificouse a ordenanza fiscal para adaptala á Orde da Consellería de Política Social que establece a gratuidade da atención educativa das escolas infantís de 0 a 3 anos. E, por outra, aprobouse o cambio do regulamento de organización e funcionamento, quedando fixado o novo calendario escolar que establece cinco días de apertura á semana e vacacións durante o mes de agosto. Ademais, atendendo a petición maioritaria dos pais, estableceuse unha modificación no horario, que pasa a ser de 7:00 a 19:00 horas para favorecer a conciliación.

Na sesión quedaron fixados, tamén por unanimidade, os festivos locais para o ano 2023, que serán o día 3 de febreiro (San Brais) e o 24 de xullo (Santa Cristina) e aprobouse igualmente a Ordenanza Ágora reguladora da mobilidade amable, promovida pola Deputación e que dá base aos concellos para incrementar os espazos públicos destinados ás persoas, creando infraestruturas de mobilidade alternativa e activa (a pé e en bicicleta).

Na parte final do Pleno deuse conta á Corporación do Plan anual de control financeiro e do resumo anual sobre control interno do exercicio 2021.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

Volver