- A Consellería do Medio Rural, a través dos fondos Feader, aporta financiación para este proxecto
- Preténdese frear o seu deterioro e resaltar a súa importancia histórica e cultural
Valga, 23 de setembro de 2022.
Os traballos de posta en valor das antigas telleiras de Padín e Roeiro, ambas emprazadas no lugar de Vilar, deron comezo nos últimos días co obxectivo de recuperar parte do esplendor que no seu día tiveron coma uns dos elementos patrimoniais máis senlleiros vencellados ao río Ulla e frear o seu deterioro.
As actuacións que se desenvolven en torno a estas vellas construcións dedicadas ao traballo do barro e á produción de cerámica inclúen a súa limpeza, coa retirada de maleza e escombro, a mellora do camiño de acceso, limpeza en seco das estruturas en pé e reparación das zonas en mal estado e con risco de derrubamento. Ademais, delimitaranse os espazos cunha varanda rústica de madeira e colocaranse paneis informativos destacando a importancia cultural, patrimonial, histórica e ambiental que teñen.
Estas telleiras foron no seu tempo unhas das construcións máis singulares da contorna do río Ulla. A de Roeiro tiña unha edificación en forma circular e, asociadas ao forno, outras construcións para o traballo dos telleiros. Un tanque ou pequena canle permitía o atraque das embarcacións para o transporte de barro e tella.
Foi abandonada en 1945, construíndose outra a poucos metros debido ás dificultades que presentaba para o cocido da tella na cámara circular e a que o tanque só se podía utilizar en preamar.
A telleira de Padín, pola súa parte, foi a última da zona en construírse, en 1942, e mantívose en activo ata 1960.