- As vellas tubaxes, que provocaban avarías e perdas, estanse a substituír por outras novas
- Con estas actuacións o goberno local quere minimizar o risco de desabastecemento ante as escasas chuvias
Valga, 22 de setembro de 2022.
As obras urxentes na rede de abastecemento municipal emprendidas polo Concello para paliar os efectos da seca e evitar que as súas repercusións poidan chegar á poboación continúan nestes días no lugar de Coto (Campaña). Trátase de traballos de renovación dun tramo no que a tubaxe era moi vella e isto provocaba avarías múltiples e perdas de auga moi importantes de ata máis do 50% do caudal.
Isto provocaba un incremento moi importante do consumo de auga, un feito ao que o Concello quere poñer fin tendo en conta a preocupante situación de seca actual debido ás escasas precipitacións dos últimos meses que pode chegar a ocasionar carencias na subministración de auga potable domiciliaria. Precisamente para minimizar o risco de desabastecemento e evitar restricións á poboación, o Concello decidiu executar unha serie de obras de emerxencia que comezaron en Moldes e nas últimas semanas se desenvolveron tamén na Torre e O Souto.
Para financiar estas actuacións, o Concello ten solicitado a súa colaboración á Deputación, a través dunha liña de axudas para actuacións de emerxencia para garantir o abastecemento de auga potable domiciliaria.