- O proxecto tamén inclúe a rehabilitación ambiental da contorna, con revexetación e plantación de especies autóctonas
- O orzamento da actuación ascende a 500.915 euros
Valga, 21 de setembro de 2022.
As obras de construción dunha senda peonil e vía ciclable na contorna da Mina Porto Piñeiro acaban de saír a licitación cun orzamento de 500.915 euros, que serán cofinanciados polo Concello e a Deputación a través do programa ReacPon, para a execución de infraestruturas e dotacións singulares para a recuperación post-Covid.
Os traballos desenvolveranse na zona sur da mina e consistirán na execución dunha vía que bordeará a lagoa e que estará habilitada para a circulación de peóns e ciclos. Terá base de grava, solo de cemento e bordo de formigón. Instalaranse, ademais, estruturas e varandas de madeira naqueles puntos nos que sexa preciso para maior seguridade.
No marco deste proxecto levarase a cabo, ademais, unha restauración ambiental da zona. Aplicaranse tratamentos silvícolas, con limpezas e rozas selectivas para unha posterior revexetación. Recuperaranse a canle e a ribeira do rego do Regueiro, coa eliminación de especies invasoras e a plantación de árbores autóctonas coma salgueiros, freixos, carballos, castiñeiros ou bidueiros. Tamén se intervirá na ribeira oeste da lagoa, adecuando os perfís do terreo para un mellor acceso e coa implantación dunha comunidade vexetal de ribeira.
As empresas poden presentar ofertas para optar á adxudicación ata o vindeiro 11 de outubro.
Con esta actuación ponse en marcha a recuperación ambiental, paisaxística e social da Mina Porto Piñeiro que, como xa aconteceu no seu día coa Mina Mercedes, o Concello quere converter nunha área de lecer de referencia no municipio e na súa contorna.
A lagoa Porto Piñeiro abrangue unha lámina de auga de 5’32 hectáreas, ocupando o espazo dunha antiga explotación mineira a ceo aberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción na desaparecida fábrica de Novo y Sierra. En total, todo o ámbito supera os 100.000 metros cadrados.