- As profesoras, participantes nun proxecto Erasmus+, están a coñecer o sistema educativo local
- A concelleira de Educación un técnico municipal acompañáronas nun percorrido polo noso concello
Valga, 14 de setembro de 2022.
O IES de Valga e a escola de Secundaria Valga Gymnasium, de Estonia, están a participar dende comezos de semana nun intercambio educativo que trouxo ata o noso concello a tres mestras do país báltico.
Pille Olesk (responsable de proxectos), Triinu Ugur (encargada de estudos) e Kristiina Maalaps (coordinadora da actividade) e están inmersas nun proxecto Erasmus+ que pretende, entre outros obxectivos, o coñecemento do sistema educativo local.
Durante as últimas xornadas tiveron ocasión de coñecer as instalacións das que dispón o IES de Valga, como é funcionamento do centro e como se desenvolve a práctica docente nas diferentes aulas. Ademais, as visitantes estonias explicaron ao profesorado valgués como é o seu centro educativo e o funcionamento do sistema de ensino no seu país.
Hoxe están a participar nunha excursión do Club de Lectura do IES ás Illas Cíes.
Nestes días de estancia en Valga, tamén tiveron a oportunidade de coñecer algúns dos lugares e infraestruturas de interese do noso pobo. Acompañadas pola concelleira de Educación, Carmen Gómez, e o técnico municipal Santiago Chenlo achegáronse ata as fervenzas, a Mina Mercedes, o Museo da Historia, o Belén Artesanal e o Auditorio, entre outros espazos.
Esta actividade enmárcase no intercambio cultural que dende hai sete anos mantén o Concello de Valga coa vila homónima de Estonia e que ten desembocado na realización periódica de actividades conxuntas.