- As bolsas ben pechadas deben introducirse nos colectores e non tirarse fóra deles
- O cartón que queda á intemperie e se molla ou mancha non pode reciclarse
Valga, 13 de setembro de 2022.
O Concello volve a facer un novo chamamento a todos os valgueses para que depositen correctamente o lixo nos diferentes colectores que teñen á súa disposición, de maneira que se garanta a eficiencia do sistema de recollida selectiva.
A pesar de anteriores avisos, séguense a detectar moi frecuentemente situacións que son contrarias ás boas prácticas e que supoñen unha eiva para o funcionamento do sistema de recollida de residuos implantado no municipio. Por exemplo, bolsas tiradas nos exteriores dos contedores tendo estes espazo ou caixas de cartón que quedan á intemperie. É por iso, que dende o goberno municipal se pide aos veciños que depositen o lixo de forma correcta xa que, do contrario, están a prexudicar a aquelas persoas que si cumpren as recomendacións en normas de reciclaxe.
Dende o departamento de Medio Ambiente e Compostaxe incídese, especialmente, en determinados aspectos. Por exemplo, as caixas de cartón non poden quedar fóra dos colectores posto que este material, cando se ensucia ou se molla xa non pode reciclarse. O correcto é dobrar as caixas o máximo posible para que entren pola boca do colector e ocupen o menor espazo, deixando sitio para máis residuos.
Algo similar sucede coa roupa. Esta debe introducirse no colector correspondente dentro de bolsas que a protexan xa que, cando se mancha ou molla, xa non serve para reutilizar. Por iso é importante introducir as bolsas no contedor e non deixalas fóra, como se ten detectado en diferentes casos.
No relativo aos envases lixeiros (latas, briks, botellas de plástico, etc.) o axeitado é esmagalos para que ocupen o menor espazo e non saturar o contedor e introducilos en bolsas de pequeno tamaño que entren pola abertura superior do colector. As bolsas grandes non entran pola boca e a xente acaba deixándoas fóra o que provoca problemas de salubridade, xa que os animais e as condicións climáticas poden romper as bolsas e ciscar o lixo pola rúa. Isto mesmo é aplicable ás bolsas do colector verde (fracción resto).
É preciso incidir, por outra parte, que nestes contedores verdes non se deben botar restos de alimentos nin vexetais. Os residuos orgánicos deben xestionarse mediante a compostaxe individual ou comunitaria, un servizo gratuíto que o Concello puxo en marcha para todos os veciños de Valga. Aqueles que residente nunha vivenda unifamiliar e dispoñen de horta poden solicitar no Concello un composteiro doméstico. Os demais veciños teñen á súa disposición os composteiros comunitarios instalados na Avenida da Coruña e na rúa Doutor de Oya Salgueiro.
Tamén se ten detectado o depósito incorrecto nas illas de contedores de residuos que non se xestionan a través da recollida habitual do lixo, senón que contan cun sistema propio. É o caso de colchóns e voluminosos e tamén do escombro. En canto aos voluminosos, a recollida porta a porta realízase o último venres de cada mes e para empregar este servizo é necesario chamar ao Concello para avisar. Os escombros, pola súa parte, non poden botarse en ningún colector, senón que teñen que tratarse a través dun xestor autorizado.
Para recordar estas normas básicas o Concello colocará nas diferentes illas de contedores cartelería con indicacións sobre como e onde debe depositarse cada tipo de residuo, insistindo na importancia ambiental e económica de cumprir estas regras.
A continuación indícanse os residuos que deben depositarse en cada contedor:
ENVASES LIXEIROS (CONTEDOR AMARELO)
- Envases de plástico: bolsas de plástico, botellas de plástico de bebidas, aceite, salsas, envases de produtos lácteos e as súas tapas, como iogures ou manteiga, oveiras de plástico, vasos e pratos desbotables, tapas e tapóns, mallas de froita e verduras, film transparente, botes de produtos de aseo e limpeza baleiros, como xabóns de baño o deterxentes, así coma o plástico dos envases tipo blíster, onde veñen por exemplo as pilas ou as coitelas de afeitar
- Briks: xa sexan de leite, zumos, caldos…
- Bandexas e embalaxes de corcho branco ou poliespán, usado en alimentación e como protector de produtos fráxiles
- Caixas de madeira de pequeno tamaño: de fresas, puros, estuches…
PAPEL CARTÓN (CONTEDOR AZUL)
- Follas de papel, sobres ou libretas, revistas e periódicos
- Propaganda da caixa do correo e papel de envolver
- Caixas e envases de cartón, tubos e canutos de cartón e oveiras de cartón
VIDRO (IGLÚ VERDE)
- Botellas de vidro
- Tarros de conservas e outros alimentos
- Frascos de colonias, perfumes e maquillaxes
A porcelana e a cerámica non deben depositarse no iglú de vidro senón no contedor de resto. Tampouco se poden botar as tapas ou tapóns das botellas, irán a un colector ou outro dependendo do material co que estean feitos.
RECOLLIDA TÉXTIL
- Roupa en calquera estado
- Calzado en calquera estado
- Bolsos
- Sabas, mantas e colchas (sen recheo)
FRACCIÓN RESTO (CONTEDOR VERDE)
- Cueiros, toalliñas, compresas e demais produtos de hixiene feminina
- Papel e cartón con manchas de graxa
- Lámpadas, espellos e louza rota
- Bolígrafos e xoguetes de plástico
- Restos de barrer
- Excrementos de animais
Os residuos depositados no contedor de resto van ser incinerados ou enviados a un vertedoiro, accións pouco recomendables a nivel medioambiental, polo que debemos intentar reducir a cantidade de residuos que depositamos neste contedor.