- O sacerdote, que faleceu esta tarde, será velado durante toda a noite na igrexa e enterrado mañá ás 17:00
- O alcalde destaca o traballo que realizou pola parroquia e os seus veciños e a súa colaboración constante co Concello
Valga, 24 de decembro de 2021.
O Concello de Valga lamenta o falecemento, esta tarde, de don Manuel Míguez Lodeiros, cura da parroquia de Santa Cristina de Campaña dende hai máis de medio século.
O alcalde, José María Bello Maneiro, transmite en nome de toda a Corporación municipal o seu pesar e destaca o importante e incansable traballo que don Manuel realizou pola parroquia e os seus fregueses. “A súa dedicación foi total e sempre se prestou a colaborar nos actos e iniciativas desenvolvidas polo Concello”. O último, o pasado 5 de decembro, con motivo da inauguración do Belén Artesanal en Movemento, que sempre se encargou de bendicir dende que se instalou de forma fixa en Campaña.
Manuel Míguez, de 85 anos e natural do concello de O Pino, foi destinado á parroquia de Santa Cristina en 1970, fai 51 anos. Neste período oficiou tamén actos litúrxicos no resto de parroquias de Valga e exerceu durante anos como Arcipreste da zona. En 2010, cando se cumpriron 40 anos da súa chegada a Campaña, os fregueses da parroquia rendéronlle unha homenaxe á que asistiron case medio milleiro de persoas. A Praza da Igrexa pasou a levar entón o nome de Don Manuel.
Os restos mortais do sacerdote serán velados na igrexa parroquial de Santa Cristina durante toda a noite de hoxe e mañá ata a hora do enterro, previsto para as 17:00 horas. Asistirá o Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio.