Licenciada en Piscoloxía, funcionaria no Parlamento de Galicia, Psicóloga no Centro de Información á Muller de Coirós e formadora de Curz Vermella, Cándida Rodríguez Ferro foi a presidenta da directiva fundadora da asociación de Mulleres Rurais Albor, que o pasado sábado celebrou o seu 25 aniversario. O labor realizado durante anos á fronte deste colectivo, foille recoñecida polas súas compañeiras nomeándoa Presidenta de Honra.
Valga, 19 de marzo de 2018
- Con que obxectivo naceu Albor?
- Naceu coa idea de crear un espazo de encontro e de esparexemento para as veciñas do municipio. Pareceume un proxecto moi interesante, pero pensaba que non tería tempo para todo o traballo que demandaría. Logo, e dado o apoio e ánimo que recibín do meu entorno, crin oportuno implicarme e apostar por esta iniciativa.
- Como estaba organizada a asociación naqueles inicios?
- Daquela directiva fundadora formabamos parte eu, como presidenta, Concepción López (vicepresidenta), Rosa Crespo (secretaria), Amelia Ferreirós (tesoureira) e tiñamos unha ou dúas vogais por parroquia, xa que así nos asegurabamos a proximidade coa xente e poder chegar coa asociación o máis preto posible das nosas mulleres. No primeiro momento, tras constituírse a xestora, pasamos a coñecernos entre nós, xa que algunhas só nos coñeciamos de vista e outras nin eso. Nese momento coñecín a moitas das que foron e son as miñas amigas.
- E como xurdiu o nome de Albor?
- Na primeira reunión abordamos o nome da asociación. Ao igual que cando nace un neno pensamos en como se vai chamar, a nós pasounos o mesmo e empezaron a xurdir distintas ideas. Había algo que tiñamos moi claro: que debía ser un nome que se identificase de forma inequívoca con Valga. Nun momento pensamos en chamarlle Asociación de Mulleres Bella Otero, pero a idea non saíu adiante. Logo pensamos en poñerlle o nome dun río ou monte do municipio e foi aí cando xurdiu a idea de chamarlle Albor, en referencia ao noso monte Albor. Ademais, Albor ten outros significados e todos eles moi inspiradorres: luz de alba ou comezo ou principio de algo. Por iso creo que o nome foi do máis acertado. Como anécdota, o nacemento da asociación coincidiu co do meu fillo pequeo, así que para min foi encontrarme con dous proxectos novos que sacar adiante.
- Unha vez constituído o colectivo, cales foron os seus primeiros pasos?
- Ao principio non tiñamos nin local, polo que celebrabamos as reunións na miña casa. A primeira sede que tivemos cedéunola o Concello. Foi unha das casas dos mestres de Baño. Estaba abandonada, polo que supuxo un gran esforzo adecentala e poñela en funcionamento. Pero alá fomos todas con mandís, batas, luvas, caldeiros, lixivia, escobas e incluso con materiais de xardinaría para adecentar a casiña e o xardín. Todo ese traballo pagou a pena, xa que puidemos gozar dese local durante moitos anos. O feito de dispoñer dunha sede propia foi algo impresionante, pois alí nos reuniamos todos os venres e organizabamos as actividades, moitas das cales se realizaban nese mesmo lugar.
- Con que tipo de actividades trataron de axudar ás mulleres de Valga?
- Por exemplo, entre os obradoiros e cursos, os máis destacables foron os de xardinaría e horticultura, e tamén o de restauración de mobles. De seguro que moitos dos mobles restaurados naquel taller aínda teñen un sitio preferente en moitas casas. Tamén organizamos charlas, a primeira e quizais máis importante foi sobre o cancro de mama, impartida pola doutora Porto, toda unha eminencia na materia. Pero tamén realizamos charlas sobre drogas, violencia de xénero e outros temas que considerabamos importantes e interesantes para as mulleres de Valga.
En canto ás viaxes, procurábamos facer, cando menos, unha cada tres meses. Grazas a isto percorremos moitos lugares, Madrid ou Asturias por citar algún, ademais de compartir tempo e experiencias xuntas. Resulta moi reveladora, no tocante á situación das mulleres naquel entón, unha anécdota que Rosa Crespo, a actual presidenta, lembrou o sábado no acto do 25 aniversario: algunhas mulleres non estaban acostumadas a ir aos bares soas, sen os seus homes, e levaban bocadillo para non comer no restaurante.
- Cal é para vostede a actividade máis representativa de todas cantas promoveu Albor?
- O noso buque insignia era a cea-baile de entroido. Nela compartiamos os manxares típicos dos carnavais e celebrabamos o concurso de disfraces. E non quero deixar de mencionar a Esposición da Camelia, que leva realizándose xa doce anos e que a asociación ten a honra de organizar xunto co Concello.
- A asociación chegou a ter 600 asociadas, como era a relación entre todas?
- Cando xurdían problemas ou retos, lonxe de virnos abaixo uníamonos na procura de solucións. En ocasións considerabámonos heroínas. En canto a rango de idade das nosas mulleres, abarcamos todos os intervalos de idade, dende mociñas de poucos anos a mociñas de 70 ou 80. O criterio sempre foi e é ser moi tolerantes unhas coas outras, xa que a xuventude pode aprender moito das persoas maiores e viceversa. Ademais, as nosas socias non só foron de Valga, senón tamén de outros concellos limítrofes como Pontecesures, Catoira, Caldas de Reis ou Padrón. En Pontecesures, por exemplo, tardaron moitos anos en constituír a súa propia asociación de mulleres (A Barcarola) e a súa presidenta, Maribel Castro, era unha socia moi activa de Albor.
- Reunindo, como está a explicar, mulleres de diferentes idades e procendencias, cales foron os maiores retos aos que se enfrontaron?
- Os máis importantes foron a dispersión xeográfica das nosas asociadas, así como a baixa autoestima que, en xeral, ten a muller do mundo rural. O primeiro que nos dicían moitas delas era que non tiñan aptitudes, que non ían saber. Nese momento comezaba a nosa tarefa para animalas e empoderalas. Sempre traballabamos co lema “Querer é poder”, e grazas a esa actitude chegamos a ser unha das asociacións de mulleres máis importantes de Galicia, con máis de 600 socias nun concello de apenas 6.000 habitantes, e cun volume de actividades importantístimo.
- E agora, con 25 anos de traxectoria, que máis se pode facer?
- Hoxe en día existen moitas asociacións, temos un estupendo Auditorio no que se realizan todo tipo de actividades e hai máis facilidades. Pero non podemos esquecer que houbo un principio para todo isto e que, noutras épocas, se fixo moito e non había tantos recursos. Agora queda seguir adiante e sumar outros 25 anos máis. Seguir unidas máis que nunca, xa que xuntas non só somos máis, senón que somos mellores e, sobre todo, máis fortes.