- O colectivo, con sede na comarca do Sar, traballa a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual
- Os vestidos e a réplica da casa natal da Bella Otero foron algúns dos contidos que máis chamaron a atención dos visitantes
Valga, 9 de setembro de 2022.
O Museo da Historia recibiu esta mañá unha visita da asociación Amipa, colectivo da comarca veciña do Sar dedicada ao desenvolvemento de servizos e programas orientados á mellora da calidade de vida de persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, promovendo a súa inclusión na comunidade.
Entre as actividades que promoven atópanse as saídas culturais e, nesta ocasión, elixiron como destino o Museo da Historia, onde foron recibidos pola técnica municipal responsable das instalacións, Vanessa Losada, que os guiou polas distintas estancias nas que se divulga o patrimonio natural, cultural, histórico e artístico de Valga.
Coñeceron máis polo miúdo o territorio e a paisaxe de Valga, fixeron un percorrido pola historia do municipio, dende os primeiros poboadores ata a época contemporánea, e, por último, descubriron as traxectorias vitais e profesionais de valgueses ilustres coma Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero.
As réplicas dos vestidos da artista da Belle Époque ou a recreación da súa casa natal foron algúns dos contidos que máis chamaron a atención dos visitantes.