Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde, a concelleira de Igualdade e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta acompañaron ás socias nos actos conmemorativos

- “En Valga xa hai 25 anos que comezou a loita pola igualdade”, destacou José María Bello Maneiro

aalbor1

Valga, 17 de marzo de 2018.

A asociación de Mulleres Rurais Albor celebrou esta mañá o seu 25 aniversario cun acto no Auditorio ao que asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Igualdade e vicepresidenta do colectivo, Begoña Piñeiro, e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que acompañaron ás directivas e socias.

Bello Maneiro felicitou a todas e cada unha das integrantes por estes 25 anos de traballo continuado en favor das mulleres de Valga. “Tiven a satisfacción e orgullo de estar, como alcalde e en representación do Concello, con estas mulleres cando se creou a asociación. O traballo que realizaron durante este cuarto de século foi moi grande, impulsando numerosas iniciativas e adicando moitas horas a mellorar a vida das mulleres de Valga”. Hoxe, engadiu, “celebramos que estas mulleres tiveran iniciativa, porque hai 25 anos xa que en Valga comezou a loita pola igualdade”.

A secretaria xeral Susana López incidiu tamén nesta cuestión. “Levades 25 anos dando leccións de igualdade, realizando unha función social innegable e sendo un exemplo de superación”, díxolles ás socias de Albor. “O rural sen vós non sería nada, sodes esenciais para o futuro de medio rural , que pasa pola creación de máis oportunidades para as mulleres”. Neste sentido, animounas a seguir traballando para superar as barreiras que na actualidade aínda impiden ás mulleres gozar dunha igualdade real. “As mulleres podemos e temos que estar na toma de decisións, en postos directivos. Do contrario, estase a perder a metade do talento de Galicia”, puxo como exemplo.

Durante o acto fíxose un recoñecemento á primeira directiva de Albor, encabezada por Cándida Rodríguez Ferro, actualmente Presidenta de Honra, e tamén un repaso polos 25 anos de actividade da asociación. A presidenta actual, Rosa Crespo, lembrou que Albor foi un dos primeiros colectivos de mulleres que se fundou en Galicia e destacou o importante papel da asociación en axuda das mulleres. “Cando realizamos as primeiras excursións”, lembrou, “algunhas mulleres non estaban acostumadas a ir aos bares soas, sen os seus homes, e levaban bocadillo para non comer no restaurante”. A diferencia con respecto á situación actual “é abismal”, remarcou. “Agora as mulleres non paran de facer actividades. O progreso é palpable no día a día”.

Por ultimo, a Presidenta de Honra, Cándida Rodríguez, arengou ás súas compañeiras “a seguir adiante outros 25 anos máis” e a “seguir unidas, xa que así non só somos máis, senón mellores e máis fortes”.

Todas as socias do colectivo recibiron un agasallo con motivo do 25 aniversario e o alcalde, ademais, fixo entrega á presidenta de Albor dunha placa conmemorativa. Despois, as socias continuaron os festexos cunha comida de confraternidade.

aalbor2 aalbor3 aalbor4

Volver