Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os produtos distribuiranse entre as familias de Valga en situación de vulnerabilidade

- As doazóns dos participantes nas actividades aumentaron en case 100 quilos con respecto á pasada edicióAlimentos22 1

Valga, 31 de agosto de 2022.

As actividades organizadas no marco do “Agosto Gastronómico”, que o Concello puxo en marcha durante este último mes como parte da programación da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, conseguiron xuntar 252 quilos de alimentos para axudar ás familias en situación de vulnerabilidade do noso municipio.

Os cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía, Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido, fixeron esta mañá entrega dos alimentos ao Concello nun acto que tivo lugar no Centro de Interpretación da Caña do País e ao que asistiron a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e unha traballadora do departamento de Servizos Sociais.

Os produtos non perecedoiros foron aportados polos participantes en cada unha das actividades, que eran gratuítas pero tiñan esta parte benéfica. Os catro showcookings de receitas con anguía, pratos con caña e cócteles contaron cuns 120 asistentes, aos que hai que sumar a vintena de nenos que acudiron ao obradoiro de cociña.

A lista de alimentos aportados inclúe 70 quilos de pasta, 44 de arroz, 42 de legumes, 24 de conservas, 17 de azucre, 11 bricks de leite, 10 quilos de fariña, 9 de galletas e cereais, 5 de salsa de tomate, 8 botellas de aceite, 2 paquetes de sal e diferentes produtos de hixiene persoal, entre outras doazóns.

Todos estes produtos serán agora clasificados e almacenados polo departamento municipal de Servizos Sociais para o seu reparto entre as familias sen recursos, en situación ou risco de exclusión.

Os chefs de Indo e Vindo Gastronomía destacaron o incremento de produtos recadados con respecto ao ano pasado, cando foran 175 quilos. “Xuntamos case 100 quilos máis”, un feito que achacan, por unha parte, “á colaboración e solidariedade da xente”, pero tamén ao incremento no número de asistentes nas actividades, posto que en 2021 aínda había restricións pola pandemia.

En representación do Concello, o concelleiro de Cultura agradeceu a implicación de Indo e Vindo e tamén dos veciños e visitantes que asistiron ás diferentes actividades, xa que grazas a eles esta iniciativa solidaria “foi un éxito e permitirá axudar a moitas familias de Valga que o necesitan”.

 

Alimentos22 2 Alimentos22 3

Volver