- Bello Maneiro desexoulles a que a experiencia que viviron en Valga lles sirva no seu futuro
- Os mozos, de Estonia, Letonia, Lituania, Grecia e Andalucía, agradeceron a acollida que lles brindaron os veciños
Valga, 30 de agosto de 2022.
Os cinco mozos de Estonia, Letonia, Grecia, Lituana e Andalucía que durante os dous últimos meses estiveron desenvolvendo en Valga labores de voluntariado a través do programa XacobeAndo, da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta e do Corpo Europeo de Solidariedade, despedíronse esta mañá no Concello, unha vez completada a súa estancia na nosa vila.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo, desexáronlles unha boa viaxe de regreso aos seus lugares de orixe, sorte para o seu futuro e que esta experiencia en Valga estivera á altura das súas expectativas. Agasalláronos cun pin oficial do Concello a modo de recordo.
Os voluntarios agradeceron aos representantes municipais a acollida que lles brindaron durante a súa estadía e destacaron tamén a hospitalidade de todos os veciños cos que tiveron oportunidade de compartir experiencias. Por exemplo, os usuarios do CODI ou os participantes na Escola de Verán, cos que desenvolveron actividades lúdicas e culturais.
O proxecto que estes mozos desenvolveron no noso concello estivo centrado na promoción do Camiño Portugués, realizando actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo, Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaboraron en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural, a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño, e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.
Algunhas das actividades que desenvolveron foron unha campaña para manter limpa e sen lixo a Ruta Xacobea, a instalación de postos informativos no trazado do Camiño para interactuar cos peregrinos e coñecer como estaba a resultar a súa experiencia e un showcooking para dar a coñecer á poboación local parte da cultura gastronómica dos seus países de orixe.